Jesús Pérez Regueiro

ADOLFO DE ABEL VILELA

LUGO

09 ene 2023 . Actualizado a las 22:04 h.

Di a canción que «algo se muere en el alma, cuando un amigo se va, y va dejando una huella que no se puede borrar». Co deceso de Jesús Pérez Regueiro non só se fai verdade a citada letra para os que tivemos a honra e o pracer de contar coa súa amizade, senón tamén a un dilixente colaborador das iniciativas culturais que acolleu na súa galería, seguindo o espírito do Sargadelos de Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo, dunha industria que fabricaba porcelanas deseñadas para que nelas estivese presente a alma de Galicia, e que investía en promocionar e dar a coñecer a cultura do país coa editorial de Ediciós do Castro, o Museo Carlos Maside, os seminarios e conferencias, as exposicións e a rede de galerías que compatibilizaban as actividades comerciais coas culturais.

Pero o sistema capitalista prescinde do romanticismo cando hai que examinar a conta de resultados a pesar de que Sargadelos e o Castro deben a súa fama precisamente a esa bagaxe cultural.

Sen este preámbulo non se pode entender a traxectoria comercial de Don Jesús, como lle chamaban os seus empregados, pois pasar do decimonónico Bazar Quico e do Bazar Moderno, no que ademais de vaixelas, vidros, lámpadas e todos aqueles produtos propios dun establecemento dese tipo, a especializarse na venda das cerámicas de Sargadelos e O Castro, e dos libros producidos baixo os criterios dunha industria cultural, primeiro no que fora almacén do bazar na rúa do Progreso e despois nun local adaptado e deseñado para cumprir coa súa histórica misión con entrada por Santo Domingo.

Despois de pasar anos atendendo o estresante servizo da CAMPSA, Xesús era feliz e gustaba do seu novo traballo colaborando nos actos culturais que se lle propoñían, as portas da Galería Sargadelos estaban sempre abertas para acoller conferencias, mesas redondas, exposicións, presentacións de libros, ou simplemente unha charla entre amigos.

Os cambios experimentados no complexo industrial coa desaparición de Isaac Díaz Pardo da dirección da empresa, collérono a el tamén coas doenzas propias dunha idade avanzada, que o fixo retirarse a súa casa. A pesar dos varios ofrecementos que lle fixen para visitalo e axudarlle a pasar o tempo, non foi posible romper o seu retiro. Iso si, chamábame sempre que lle mandaba un novo libro para agradecerme o agasallo co que eu traba de compensar o seu voluntario illamento.

Por razóns empresariais a Galería Sargadelos xa comezara a deixar de ser o que era, pero sen a presenza de Don Jesús desaparecera tamén a alma do negocio. Grazas Xesús polos anos que algúns dos lucenses románticos puidemos contar coa túa colaboración e amizade.

O home vaise pero a túa pegada queda para moitos na lembranza.