Ramón, párroco en Cervantes: «Os curas cren que Xesús só falaba castelán, pero están equivocados»

CANDELA F. ROLDÁN LUGO

LUGO

Ramón Gutiérrez e Ramiro Martínez, os curas de Cervantes.
Ramón Gutiérrez e Ramiro Martínez, os curas de Cervantes. MANUEL GUEDE

Ramón e Ramiro, os dous únicos curas da comarca de Ancares que dan a misa en galego, reclaman unha formación litúrxica na lingua autonómica para normalizar o seu uso

31 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ramón Gutiérrez leva 36 anos dando a misa en galego no concello de Cervantes, e non ten pensado cambiar de lingua. El leva toda a vida falando galego, e non entende por que a Igrexa é tan reticente á hora de empregalo e de predicar con el.

«Os curas pensan que Xesús era castelánfalante, pero non é así, están moi equivocados», asegura o párraco, que dá a misa en 20 parroquias cervantegas onde os fregueses xa teñen por costume rezar en galego.

Ramón sinala que o paradoxal de todo isto é que a maior parte dos sacerdotes da comarca de Ancares falan galego, pero non se atreven a usalo nas liturxias. «Poñen escusas e non se molestan en cambiar de idioma á hora de rezar», afirma.

O párroco, que tamén deu clases de Relixión Católica durante 30 anos no IES de Becerreá, sostén que empezou a dar as leccións en lingua galega dende antes de que houbese libros de texto traducidos. «Se ti te expresas en galego, por que cambias a túa lingua á hora de falar con Deus? É algo que nunca entenderei. Ós meus alumnos sempre lles falei en galego porque, para min, é o natural», di Ramón.

Ramiro Martínez, compañeiro de Ramón en Cervantes, tamén dá as misas en galego. É o único párroco da comarca ancaresa que, xunto con Ramón, predica o uso do galego nas liturxias. «Comecei metendo algunha palabra polo medio, e agora rezo todo en galego», afirma Ramiro.

«Levo máis de 30 anos traballando e paréceme incrible que aínda teña que seguir dando explicacións de por que dou as misas na miña lingua”, explica. «É unha pena, porque aquí non valoramos nada o que temos. Ata o rural está cada vez máis deteriorado neste aspecto. Precisamos políticas que protexan o noso patrimonio lingüístico», declara.

Case 60 anos despois de que se celebrase a primeira misa oficial en galego, feita en honor a Rosalía de Castro, a realidade é que o seu uso continúa a ser algo anecdótico neste ámbito. «A Igrexa sempre considerou a lingua castelá como unha lingua culta, como se o resto de idiomas non tivesen categoría», explica indignado Ramón.

Hai 50 anos que se aprobou o galego como lingua litúrxica, pero o seu efecto segue sen notarse de forma notoria nas parroquias galegas. «A min dóeme a falta de compromiso da Igrexa pola nosa lingua. O castelán veunos de fóra e nós aceptamos esa imposición», declara o cervantego, que asegura que os fregueses non teñen ningún problema á hora de escoitar as misas en galego.

A etapa de formación

As linguas cooficiais están aceptadas na Igrexa, pero aínda non están normalizadas. Por iso, segundo asegura Ramón, é moi importante que na etapa de formación no seminario, os profesores ensinen a querer e a respectar o galego como un idioma culto. «Un alto cargo chegou a dicirme: ti que es, un galeguista deses? Eu non son galeguista, o que son é galego, e quero falar a miña lingua libremente», asegura Ramón.

Ramiro, que compaxina Cervantes con outras misas nun centro de día en Lugo, afirma que, noutras comunidades, isto non pasa. «Ninguén lle pregunta a un cura catalán por que reza na súa lingua, pero a nós si», sostén.

Ramón e Ramiro, compañeiros de gremio e de lingua, só buscan unha normalización do uso do idioma na Igrexa, e aseguran que o compromiso comeza por empregalo en todos os eidos. «Todo quedou nas páxinas, pero o compromiso esfumouse enseguida», conclúe Ramón.