Lugo, cidade literaria

LUGO

 Lugo posúe, en tanto que cidade romana por excelencia, circundada por un marabilloso anel verde, algunhas importantes singularidades no marco da xeografía galega. Mais hoxe cómpre salientarmos outra dimensión súa: o seu papel como cidade cultural e literaria, toda vez que forma parte das 18 localidades europeas que acollerán a celebración do centenario do Ulises, de James Joyce.

O Ulises é, posiblemente, o maior monumento literario do século XX, unha obra complexa e abraiante, que introduce a técnica do monólogo interior ou fluír de conciencia e pecha o círculo retomando o heroe da Odisea homérica para convertelo no antiheroe moderno e plasmar a nosa odisea diaria, de xeito que as aventuras polo Mediterráneo do célebre personaxe clásico son substituídas polo tránsito entre os pubs dunha xeografía urbana na que o líquido en que se afoga o fracaso é doutra natureza. E isto faise con non menos habelencia artística cá empregada para describir a atracción das sereas míticas ou o engado de Calipso.

O Ulises ten, ademais, unha pegada especificamente galega: nosa foi a primeira tradución a unha lingua peninsular, malia que parcial, e a día de hoxe contamos cunha marabillosa tradución completa, froito do traballo de catro especialistas. Non podía faltar, pois, unha cidade galega nesta homenaxe á obra que conta co roteiro e a festa literaria máis importantes do mundo, o Bloomsday, que se celebra en Dublín cada 16 de xuño. Lugo súmase, así, a unha constelación de 18 estrelas, unha por cada capítulo da obra. O noso paseo literario; a visibilización, nas nosas rúas, da pegada das letras galegas; a peonalización da zona histórica, que acentúa o seu engado, e a incomparable muralla foron factores decisivos nesta escolla, favorecida, tamén, pola implicación da asociación Uxío Novoneyra. Lugo, cidade romana, corazón urbano da Galicia verde, fortalécese así como cidade cultural e literaria.