San Fernando

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

Cada día paso á beira do antigo Cuartel de San Fernando, que en silencio berra por volver á vida. Alí estaba previsto situar o novo auditorio, pero este viaxou lonxe; pensouse logo nun parador de turismo para a potenciación turística da cidade; tamén nun colexio, e por fin soñouse como Museo da Romanidade para a cidade que vive sobre restos romanos e ten milleiros de achados arqueolóxicos agardando por un lugar onde ser contemplados.

Houbo un movemento a prol do Museo que o Covid amortiguou, e vén de celebrarse unha xuntanza á que a Federación de Comercio invitaba de parte da Alcaldesa, na que se deu a coñecer que o Museo ía para adiante, apoiado polo goberno central, parecendo que o asunto agardase que a Xunta se pronunciase sobre un tema de manifesto valor cultural, económico e social para a cidade que posúe a única muralla romana do mundo que se conserva íntegra.

Nestas, que o presidente Rueda e a alcaldesa escenifican un acordo inédito dentro dunha imprevisible harmonía institucional, que debera ser o normal, pero ao non ser a norma chama a atención. Rueda apoia, e agarda saber da aportación do Goberno a este museo polo que levamos suspirando desde que temos conciencia de que a cotío pisamos os restos da Lucus romana, e que os restos que se foron escavando van ser contemplados polos lucenses presentes e futuros, e Lugo vaise convertir no centro da romanización en Galicia. Non é usual que os representantes de dúas institucións de diferente cor cheguen pacíficamente a acordos. Pois isto é moi bo para eles, para as institucións, e sobre todo para os cidadáns gobernados desde esas institucións.