O balbordo do adeus

LUGO

Setembro é o mes dos inicios e as despedidas. Semella acaído irse cando se achega o outono, acompasando o adeus definitivo aos ritmos da natureza. Este setembro, ateigado coma todos de nacementos e mortes, dicimos adeus a Isabel II, a Javier Marías, a Saleta Goi… E, neses círculos concéntricos, o distinto eco e balbordo mediático revela o funcionamento do noso mundo, marcado pola globalización (tamén dos espectáculos) e semellando poñer en cuestión a verdade do tópico do poder igualatorio da morte, pois, fronte á constatación de que todas as persoas morremos, tamén está a evidencia de que non todas o facemos do mesmo xeito.

Cada vida que se perde deixa unha pegada ligada ás persoas e aos lugares. Isabel II, símbolo inevitable dos privilexios de nacenza, evoca imaxes de fasto e protocolo, tamén dese Reino Unido amante da natureza, coas terras de Balmoral como fondo dos intres posiblemente máis auténticos e felices dunha longa vida. Saleta Goi evoca o espazo máxico da librería Xistral, en Monforte, e deixa a súa pegada en Outeiro de Rei, en todo o espazo mítico e impreciso da Terra Chá, en Lugo e na Coruña… Saleta foi raíña doutro tipo de reino, feito de palabras afastadas de calquera protocolo, palabras galegas en tempos de ditadura e represión. Isabel II viviu como adolescente a II Guerra Mundial; Saleta, de nena, a Guerra Civil, e logo a longa noite de pedra do franquismo. Ambas viviron para ver ben entrado o século XXI, marcharon cos ecos de fondo doutra guerra en Europa e coñeceron, ao longo da súa vida, notables cambios nas posibilidades e restricións na vida das mulleres.

Shakespeare, que xuntou nas súas traxedias reis e sepultureiros, quizais hoxe diría, como eco dos seus versos de Macbeth, que as vidas son o relato cheo de ruído e furia contado pola voz estridente dos medios. Que a terra lles sexa leve.