«A arte faime moi feliz»

Miguel Cabana
miguel cabana LUGO / LA VOZ

LUGO

Xoán Vila, no seu taller da localidade lucense de Romeán, con algunhas tallas nas que está traballando.
Xoán Vila, no seu taller da localidade lucense de Romeán, con algunhas tallas nas que está traballando. CEDIDA

O escultor, que se considera un expresionista libre, comeza unha nova etapa de cor

09 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Xoán Vila, (Lugo 1958), é un artista recoñecido polas súas obras de madeira dende hai máis de 40 anos. O seu veciño e amigo Darío Xoán Cabana, xa finado, no catálogo da exposición Entre dous séculos, (2008), definía así a Vila: «O Xan leva unha cotela para a aira da súa casa, quédase mirando para ela e pregúntalle qué quere ser. A cotela acáballe contestando, por exemplo, que quere ser un home deitado. E entón o Xan obedécelle á materia e fai un home así, que xa existía na cotela, ou tiña que existir».

—Algúns dos seus seguidores e colegas contan con expectación que volve a utilizar a policromía nas súas creacións despois de décadas vinculado ás obras con acabado natural.

—A verdade é que neste momento e despois dunha traxectoria longa no mundo da arte, necesito acentuar certos detalles para que a obra adquira máis forza e expresividade. Eu traballo as madeiras nobres, autóctonas, e vounas respectar ao máximo, como fixen sempre. Son un namorado da madeira e vou traballar ao seu favor, sen que a policromía agoche as súas fermosas vetas.

—Botando a vista atrás, todos lembramos as súas tallas figurativas e mesmo hiperrealistas. Despois veu unha etapa máis expresionista que agora dá paso á cor. ¿ Son esas as súas grandes etapas artísticas?

—Si, e podo dicir máis. O célebre Paco Pestana dixo que unha parte da miña obra bebe do románico tardío. Xulio López Valcárcel falou do neoexpresionismo de Xoán Vila e eu considérome un escultor expresionista. Quero que a miña obra transmita unha mensaxe e este estilo axúdame a comunicarme co espectador.

—¿Podemos dicir logo que os seus 40 anos de artista conducírono, naturalmente, ao expresionismo?

—Si. Gústame o expresionismo e atópome moi cómodo nel. Eu teño o meu selo de identidade. Non todos os expresionismos son iguais pero hai un dato claro: pouco a pouco vou acabando coa figuración. Son quen de expresar o que quero sen necesidade de recorrer á figuración que, de xeito natural, se vai difuminando.

—Vostede traballa preferentemente con carballo e castiñeiro ¿Que ten de especial esa madeira?

—Vivo rodeado de árbores e bebo deles. Son exemplares nobres e centenarios que chegaron ao seu fin e eu quero darlles unha nova vida. Eu non corto árbores vivas, aproveito as que xa morreron e doulles unha nova vida. Tendo en conta que a avispilla está matando moitos castiñeiros, teño madeira de sobra sen necesidade de cortar árbores vivas. E esta madeira seca ten maior textura e calidade. As esculturas non se poden facer con madeira verde.

—Vostede é de Romeán e pasa alí moito tempo. ¿Ten algunha influencia a paisaxe da zona na súa obra?

—O artista aproveita o medio no que vive para crear. Eu paso moito tempo en Romeán e teño arredor de min árbores magníficas, que son a miña inspiración. A natureza para min é sublime e a miña obra non se pode entender sen ese respecto e conexión. Hai unha certa dualidade entre o expresionismo e os materiais nobres que utilizo. A madeira por si mesma ten forza de seu, é expresionista. Eu sírvome desa cualidade e pretendo acentuar o expresionismo a través da policromía. Voulle dar máis forza sen ocultar a madeira.

—¿Cantas exposicións individuais leva feitas?

—A primeira foi no edificio multiusos da Xunta de Galicia en Lugo. Despois fixen outra na sala de arte da Deputación Provincial de Lugo, comisariada polo meu bo amigo Paco Pestana. Levaba por título Pasmadiños e calados furasebes.

—¿E que significaba ese título?

—Foi cousa de Pestana. Se vivira el explicaríao mellor. Paco dicía que eu era bo artista pero que non facía ruído, que era caladiño, por iso elixiu ese título tan chamativo.

—¿ Que veu despois?

—Despois expuxen na miña segunda casa, na oficina principal de Correos de Lugo e continuei expoñendo de forma continuada nas distintas oficinas de Correos de Galicia, León e outras moitas cidades de toda España. Tamén expuxen na casa de Galicia en Madrid e a última mostra individual foi na capela de Santa María, da Deputación Provincial de Lugo. Ademais participei continuadamente en mostras colectivas, varias a iniciativa de Cristina Carballedo e comisariadas por ela. Unha das últimas, cos artistas Peña Romay e Macía.

«A xente quere ter na súa casa unha obra con mensaxe, que comunique»

Xoán Vila, carteiro de profesión e artista de corazón, está a punto de acadar a xubilación e de iniciar unha nova etapa na súa carreira artística, na que haberá algo de cor sobre a madeira, «porque a arte debe alegrar os sentidos e polo que, partindo desa premisa, quero potenciar o color, acentuando así a policromía». Leva feito centos ou quizais miles de esculturas, moitas das cales non chegan a ningunha exposición porque os seus clientes ou amigos, que vén sendo o mesmo, sácanllas das mans cando se van namorando delas.

—Vostede é un artista que vende moito

—A xente o que quere é ter unha obra na casa que teña unha mensaxe, que comunique e parece que acerto co estilo no que estou encaixado.

—E ademais é un dos poucos que se atreve coas obras de gran tamaño e en madeira. ¿Segue con esa tendencia?

—Quero que a miña obra se vexa en espazos naturais, pola simbiose que hai entre as miñas pezas e esa natureza. Hai interacción entre ambas e as esculturas grandes adáptanse ben a esa filosofía e a eses emprazamentos.

—¿Que proxectos se perfilan para o futuro agora que está a piques de xubilarse?

—Dentro de pouco terei moito máis tempo libre e dedicareillo á arte, que me satisfai moito. Hai moitos proxectos bulindo na cabeza e tratarei de darlles forma a todos eles.

—¿Que lle deu a arte ao longo da súa vida?

—Pois teño que dicir que me deu moita felicidade. Sendo fiel a min mesmo, aos meus principios, como fun e seguirei sendo. E sen deixarme influenciar polas correntes de vangarda, fun e son moito máis feliz. A arte para min é a expresión suprema dos sentimentos do ser humano.