A fin da historia?

LUGO

De nena, lembro pensar que a miña xeración tiña a sorte de vivir nun mundo estable e seguro. Grazas aos antibióticos, por primeira vez, a posibilidade de morrer prematuramente por mor dunha doenza infecciosa era case nula e, en plena Guerra Fría, o mundo semellaba unha balanza non só solidamente estabilizada senón case fosilizada.

Non semella estraño que, ao abrigo deste clima, Fukuyama postulase, a finais dos anos 80 e no comezo dos 90 a fin da historia. As nosas vidas semellaban corroboralo. Fronte á Guerra Civil ou a Segunda Guerra Mundial, vivíamos no ecosistema da seguridade. A infancia dos nosos pais e a aprendizaxe dunha historia ateigada de acontecementos e debacles érannos completamente alleos e tiñamos a sensación de sermos unha xeración afortunada, froito da transición, do acceso masivo á universidade, da paz e a saúde pública incuestionables. Rematar o convulso século XX e adentrarse no XXI só podía afondar nesa sensación de estabilidade. Atrás quedaba o século das Guerras e do franquismo.

Mais velaquí que o recén nacido século quixo reclamar o seu lugar na historia: a crise financeira en 2008 trouxo canda ela ecos dun crack do 29 que só coñeciamos polos libros; a pandemia da covid-19 lembrounos os múltiples episodios de peste e os gromos infecciosos que padeceu decote a humanidade (desde a peste negra de 1348 ata a gripe de 1918); e, finalmente, abriuse paso un escenario bélico que nunca puideramos imaxinar, achegándonos novamente a triste historia do século XX e, en realidade, a historia de todos os tempos. Así que, outra volta, repetimos o erro de sentírmonos fin e culminación cando eramos unha pinga máis no decurso imparable do tempo. Un tempo que se fai e se destrúe cada día ante os nosos ollos atónitos.