Os poemas musicados de «Mulleres na memoria» xa están nas principais plataformas musicais

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Cartel do programa «Mulleres na memoria»
Cartel do programa «Mulleres na memoria» CEDIDA

Bandas de Lugo puxeron melodías aos versos de Claudio Rodríguez Fer

17 ene 2022 . Actualizado a las 12:32 h.

As principais plataformas musicais xa ofrecen para a súa escoita os poemas musicados do proxecto «Mulleres na memoria», unha iniciativa cultural coa que se busca recuperar a memoria das mulleres represaliadas e asasinadas polo franquismo. A organización corre a cargo da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, coa colaboración de Cultura da USC.

Abrigueiro Estudios encargouse da produción e gravación dos temas, con letras do poemario de Claudio Rodríguez Fer Ámote Vermella (Xerais, 2009) musicadas e interpretadas por bandas e músicos lucenses. As pezas presentáronse nun concerto en outubro na Casa do Saber e agora difúndense a través das plataformas dixitais Spotify, YouTube, Itunes e Amazon Music para chegar a todo o público.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, destaca a «selección dos poemas e a calidade sobresaínte da musicación, que dá sentido á proposta e pon en valor o talento que temos na provincia». E agradece «o compromiso dos artistas coa memoria histórica desde unha perspectiva de xénero máis necesaria ca nunca, visibilizando unha realidade agochada e esquecida por un relato distorsionado da nosa historia».

Os seis temas son:

· A Juana Capdevielle. O grupo lucense Hit the Beat puxo música ao poema sobre a arquiveira e bibliotecaria, pioneira en campos intelectuais ligados á pedagoxía e asasinada en agosto do 36 en Rábade.

· Un tranvía chamado Urania. A compositora e cantante Olalla Caamaño, vocalista de grupos de música alternativa como Musel ou Las Palmeras e recoñecida como unha das mellores voces da escena galega, musicou o poema dedicado á profesora de piano e solfeo Urania Mella, moi implicada na defensa dos dereitos das mulleres, comezando moi cedo a ensinar e ler ás mulleres do barrio de Lavadores, en Vigo.

· Mulleres libres no monte. De Iria Estévez e Gonzalo Piña, fundadores do grupo lugués Clave de Fado, saíu a música para este canto a todas as mulleres perseguidas polo franquismo polas súas ideas de cambio e progreso.

· E aínda lle chaman comunista. O grupo Los Zorros, cunha traxectoria ligada ao jazz, soul, folk,country e rock&roll, compuxo un tema en memoria de Consuelo Alonso, vendedora de xornais en Monforte, fusilada en maio do 38.

· As tres mapoulas de Montecubeiro. A cantautora folk Paloma Suanzes encargouse de musicar o poema escrito en memoria da traballadora Virxinia Meilán Varela e das mozas Carmen Sarille Lenceiro e Manuela Graña Rico, asasinadas en Montecubeiro, en Castroverde, en agosto do 37.

· Meu amor. Tema gravado de novo tras publicarse por primeira vez en Músicas na memoria (2007). A letra está baseada na correspondencia entre os pais da poeta Luz Pozo Garza (1922-2020), con música de Carlos Díaz.