Un país de brétemas

LUGO

21 dic 2021 . Actualizado a las 17:56 h.

Os galegos temos unha relación especial coa néboa e, en concreto, os lucenses, polo clima, pola altitude e pola presenza do río, estamos familiarizados coas brétemas persistentes e con eses días nos que o sol se fai agardar ata o mediodía. Os nosos escritores fixeron da néboa un elemento poético de primeira orde. Ramón Otero Pedrayo, experto en Xeografía e un dos mellores coñecedores da nosa paisaxe, salientou esa sensibilidade no bergantiñán Eduardo Pondal: “Tamén nisto Pondal sentiu o bico da Terra, o leve roce da nevoeira, o valor sustancial das orballeiras e das brétemas”; mais foi Ramón Piñeiro, nacido en Láncara e veciño de Lugo durante algunhas etapas da súa mocidade, quen fixo da brétema un elemento definitorio da nosa cultura, cando escribiu, ao falar de Galicia, na entrada do Dicionario Enciclopédico Galego: “neste país envolto en chuvias, brétemas e fragas”.

Quen nos ía dicir a nós, os galegos, que o Ministerio de Transición Ecolóxica, no seu informe de Calidade do Aire, nos situaría en niveis peores cós das grandes cidades de Europa? Seica a néboa é un dos factores que incide, apoiado polo uso das calefaccións (temos noites frías; mais non creo que sexan peores cás da meseta) e a circulación dos coches (verdadeiramente a rolda da muralla compite coa M-30?). Poida que os equipos de medición de partículas non distingan entre as naturais e as xeradas polo ser humano e, daquela, a cuestión é aínda máis grave: poñeríannos un punto vermello inxusto difundido nas redes. Soster que a calidade do noso aire é peor cá de Madrid soa a brincadeira. Coido que cómpre esixirmos unha aclaración e un trato digno por parte dos medios.

Con todo, se as medidas paliativas apuntadas son a creación de 14 km de carril bici na cidade e a aposta por un bosque urbano de tamaño considerable, case paga a pena pagar o prezo de saírmos en vermello no informe. Porque o que semella claro é que imos seguir sendo un país de brétemas.