Cachimbas

Antón Grande

LUGO

20 nov 2021 . Actualizado a las 13:21 h.

Aínda que se poda ser repetitivo, hoxe non queda máis remedio que falar aquí do amigo que se foi, neste ano aciago polo que a falecementos de xente á que se quere se refire. A Darío Xohán Cabana coñecino cando el andaba polos 18 anos, viña envolto nun poncho, vendía libros da editorial Galaxia e fumada tabaco de liar, o famoso caldo ou cuarterón. Viña polo bar Yuma, na Rúa Nova, albergue de roxos e xente afeccioada ás artes polos anos aqueles nos que Franquito aínda que esmorecía, seguía mandando, e matando.

Pasado xa tempo dabondo, cando o Darío estaba traballando en Cultura no Concello, ía visitalo con frecuencia polas mañás. Daquela, el deixara os cigarrillos por recomendación médica pero pasárase á cachimba e eu, que dende os vinte anos fumaba en pipa, e sigo que me sabe ben, facíamos intercambio de coñecementos, de mestura de tabacos e de outras argalladas porque o de fumar en pipa é como tomar té, supón todo un requisito.

As conversas non quedaban só neso senón que falabamos de literatura, de política, de comportamentos da xente e por veces, dun amigo común que tiñamos en Roma. Posiblemente esta amizade e as súas vivenzas en Italia levaríano a animarse coa tradución da «Divina Comedia», de Dante Alighieri, ao galego. O curioso era que nunca coincidiamos en Roma a pesar de durmir ambos na mesma casa durante as nosas estadías. Na súa casa, en Romeán, aprendín hai tempo cómo se facía un estanque con peixes, e admirei as súas calidades como ebanista cando me amosaba mobles e estantes feitos pola súas mans.