Unha mostra que aposta pola muller da Ulloa

la voz LUGO

LUGO

Artistas, autoridades e membros do Instituto de Estudos Ulloáns
Artistas, autoridades e membros do Instituto de Estudos Ulloáns Óscar Cela

Inaugúrase unha exposición no Pazo de San Marcos con fotografías de veciñas desta comarca

16 oct 2021 . Actualizado a las 17:42 h.

Coincidindo co Día Internacional das Mulleres Rurais, esta tarde presentouse no Pazo de San Marcos a exposición «A Ulloa. Fotografías Centrípetas», unha mostra comisariada por Patricia Coucheiro e Susana Varela e integrada no programa Mulleres Rurais da Rede Museística.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro; a xerente da Rede, Encarna Lago; o director do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), X. Francisco Pardo, e as comisarias da mostra, inauguraron esta exposición colectiva de 15 fotos que pon en diálogo diferentes olladas de mulleres ulloáns sobre o seu territorio e as súas xentes, con imaxes que parten dunha reflexión, crítica ou posta en valor dalgún aspecto da Ulloa.

A exposición vai acompañada de textos que contextualizan cada unha das propostas fotográficas, incorporando reflexións das autoras desde unha perspectiva social, histórica, pedagóxica e/ou territorial. Neste proxecto a fotografía empregouse como medio para abrir á participación da veciñanza a actividade do IEU, compilando propostas que testemuñan o autorrecoñecemento nas problemáticas e riquezas que a comarca ofrece aos seus habitantes. Bibliotecarias, gandeiras, mestras, estudantes, traballadoras do fogar, hostaleiras, deseñadoras, fotógrafas, muiñeiras... son algúns dos perfís das mulleres que achegaron as súas imaxes.