Ardente metáfora

María L. Sández

LUGO

28 sep 2021 . Actualizado a las 20:20 h.

A natureza é unha fonte inesgotable de símbolos e a súa contemplación condicionou, desde sempre, o pensamento sobre a beleza, o sentido e a caducidade da vida humana. A poética saudade dun solpor, a esperanza vibrante dunha nova primavera e a inmensidade preñada de suxestións do mar, calmo ou embravecido, son elementos que reaparecen na arte e non deixan de inspirarnos.

E, se ata o agromar predicible e minúsculo dunha semente agocha xa un xérmolo de significado capaz de espertar o interese do ser humano, como non vai sobrecollernos a natureza nunha das súas explosións máis impactantes, marcadas por ciclos que superan a nosa escala e que se manifestan cunha forza capaz de destruírnos?

Por iso non é de estrañar que fiquemos cos ollos prendidos do volcán de La Palma e que se manteña continuamente na pantalla esa proxección da erupción en directo. O ruxido do volcán interpélanos a cada un de nós: fálanos da continxencia de todo o humano, sitúanos nunha escala de tempo diferente á nosa (a escala xeolóxica) e fainos sentir que iso que damos por feito (a firmeza e estabilidade do chan baixo os nosos pés) é no fondo unha ilusión.

Xa Quevedo, nun coñecido soneto, referíase aos “eternos incendios repetidos” do Vesubio, ao carácter paradoxal de que o que, en épocas de calma, se transformaba nun “xardín piramidal”, se convertese logo nun xigante destrutor capaz de escurecer o mesmo sol e incendiar de luces o ceo. Este tipo de fenómenos, para os que non estamos directamente afectados (porque aí a emoción anégao todo) poden ter o efecto paradoxal de facernos conscientes da nosa pequenez ou, polo contrario, do complexo, sorprendente e magnífico que é este mundo do que formamos parte. Mais do que non cabe dúbida é de que rompe toda ilusión de dominio. E velaquí estamos, ante o volcán, con toda a nosa vulnerabilidade.