«O Racing Vilalbés é a miña casa, síntome moi valorado»»

Luis Conde LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

19 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Comezou a conta atrás para un Racing Vilalbés que se pon en marcha este mércores no municipal da Magdalena. Ao fronte da nave estará por cuarta tempada consecutiva Simón Lamas, un dos adestradores da provincia con máis proxección. O técnico encara con ilusión este novo reto, que pasa por competir pola zona nobre da Terceira División. Lamas dá practicamente por pechada a plantilla, á que chegaron seis novos futbolistas, e promete un estilo de xogo que buscará o bo fútbol e as vitorias.

-¿Foi doado chegar a un acordo coa nova directiva do Racing Vilalbés?

-Foi moi sinxelo. Había certa incertidume, con troco de presidente, o que retrasou moito a situación, pero dende o primeiro momento os novos directivos quixeron contar comigo, e estou moi ledo. No Racing Vilalbés síntome moi valorado e aquí está a miña casa. Ademais teño claro que non rematou o ciclo, e entendo que podemos aspirar a cousas mellores.

-¿Cales son os obxectivos da vindeira tempada?

-Seremos ambiciosos. Como sempre temos que pensar en seguir na Terceira División, pero con este novo formato, o noso obxectivo é aspirar a estar máis arriba na clasificación. De todos os xeitos, as nosas aspiracións marcaranas os resultados, e hai que ter en conta que haberá clubs con investimentos importantes. Pero como dixen, temos que competir por estar no grupo de cabeza.

-No Racing Vilalbés da vindeira tempada haberá importantes cambios.

-Si, houbo bastantes cambios na plantilla. A tempada pasada tiñamos 20 futbolistas, pero esta que vén serán 17, porque o que buscamos é máis nivel e experiencia. Apostamos por futbolistas máis consagrados na Terceira, e o que buscamos é facer da competencia a fortaleza do equipo, que será moi versátil, o que nos permitirá ter alternativas a nivel táctico.

-Chegaron seis fichaxes, ¿está a plantilla pechada?

-Con estas seis incorporacións podo dicir que está practicamente pechada, pero non renunciamos a que poida aparecer algo máis, un merlo branco.

-Son seis incorporacións que marcarán as diferenzas.

-Todos os futbolistas que chegaron teñen experiencia e darán un salto de calidade ao plantel. Do Polvorín chegou Ángel Fraga, que pasou pola canteira do Celta, Bouzas e Cerceda, entre outros. Do Arzúa veu Jorge Tomé, un central zurdo, con moita proxección e moi rápido. É unha gran aposta de presente e de futuro. Do Somozas fichamos a Alberto Nóvoa, que aportará equilibrio, moi creativo e que marcará as diferenzas. Do Bergantiños chegou Diego Vela, que lle dará un salto cualitativo á plantilla. Tamén contamos con Javi Rey, todo un especialista no xogo entre liñas. Prodígase como mediocentro e como mediapunta. Para a dianteira fichamos a Adrián Otero, que veu do Paiosaco, e responde ao perfil que buscabamos. É un dianteiro de moita envergadura, ataca ben aos espazos e voluntarioso na presión. Con Cuadrado e con Pedrosa formarán unha dianteira espectacular.

-En caso de que chegue alguén máis, ¿cal sería a posición a cubrir?

-Falaríamos do centro da defensa. Segue Vérez, e tamén están López, Javi Varela e Cadra. Se aparece alguén completaría este elenco de xogadores.

-¿Cando comezan a traballar?

-A pretempada iniciarémola o mércores as oito da tarde, e o primeiro amigable xogarémolo o sábado ante o Deportivo.

-¿Como será este Racing de Simón Lamas?

-Queremos un equipo versátil, que transite rápido e sexa moi vertical, e que se adapte a distintos contextos: máis de contraataque ou atacar posicionalmente e levar a iniciativa. É dicir, que esteamos preparados para afrontar todas as situacións, e, por suposto, ben organizados defensivamente.

-¿Que mensaxe lle envía á afección do Racing Vilalbés?

-O primeiro que teño que dicir é que estou moi agradecido a afección, porque síntome moi valorado. Entregarémonos ao máximo por conseguir os obxectivos para que os afeccionados e os socios poidan gozar deste equipo.