A peza «Primeiro a vida», a cargo de Kirenia, poderá verse na Caixa Negra do museo de Lugo os días 12 e 13
09 jun 2021 . Actualizado a las 10:51 h.O ciclo de danza LED achega unha nova proposta cultural ao MIHL, coa posta en escena de Primeiro a Vida, a cargo de Kirenia, que se poderá ver os días 12 e 13. A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua amplía así a programación cultura. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, explicou que «seguimos a programar actividades para encher os distintos espazos da cidade con propostas culturais de calidade e recoñecidas».
Deste xeito, os días 12 e 13, na Caixa Negra do MIHL, poderase gozar dunha nova peza de artes do movemento a cargo de Kirenia Danza. Trátase de Primeiro a vida, unha peza interpretada pola lucense Esther Latorre e por Xoel Álvarez.
Primeiro a vida é un eloxio dos coidados no que os corpos danzan unha antiga reivindicación que demanda Primeiro a Vida ou Antes a Vida ou Elixir a Vida, tres posibles traducións do verso de André Bretón transformado nun lema nos antigos muros durante o Maio Francés. A peza convida a que, fronte á explotación, á precariedade e á morte que trouxo a pandemia, elixamos coidarnos e proclamemos «Primeiro a Vida».
As dúas funcións terán lugar o 12 e o 13 de xuño ás 20.00 horas. As entradas poden obterse en www.entradaslugo.es ou na Oficina de Turismo de Lugo de xeito gratuíto, cun máximo de dúas por persoa.