A pegada no Museo Provincial de Lugo do célebre arquitecto Pons-Sorolla

AURELIA BALSEIRO GARCÍA LUGO

LUGO

Imaxe do proxecto da praza museo-xardín elaborada por Gómez Román en 1957
Imaxe do proxecto da praza museo-xardín elaborada por Gómez Román en 1957 cedida

O madrileño está vinculado a varios elementos patrimoniais de Lugo

30 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A praza-xardín do Museo Provincial de Lugo ven de cumprir 60 anos dende a aprobación do seu proxecto. A obra estivo en mans dun célebre arquitecto, e ao mesmo tempo polémico, durante a época franquista, Pons-Sorolla. A obra tivo o claro obxectivo de coidar o patrimonio artístico e natural do entorno.

Francisco Pons-Sorolla (Madrid, 1917-2011) estivo omnipresente na restauración arquitectónica española sobre todo durante a época franquista como director xeral de Arquitectura, especialmente involucrado na restauración monumental en Galicia e no patrimonio do Camiño de Santiago.

Vinculación por todo Lugo

En Lugo, aparece vinculado coa restauración do antigo convento de San Francisco; no traslado e reconstrución do novo Portomarín e da igrexa de San Nicolao; no traslado dos templos románicos de Santo Estevo de Chouzán e san Xoán da Cova; no rebaixe do nivel da praza de Santa María en Lugo ou na liberación das casas adosadas á muralla de Lugo (1972) e moitas veces en relación con Chamoso Lamas. A súa defensa da arquitectura histórica non estivo exenta de polémicas, pero o seu traballo era froito da súa época e o compromiso coa recuperación patrimonial cultural, indubidable.

Actualmente ténselle recoñecida a súa importancia no redescubremento do feito xacobeo e na reordenación de conxuntos históricos en Galicia entre os anos 1945 e 1985. Interviu na igrexa e no convento franciscano de Lugo na restauración do claustro medieval, xunto con Luís Menéndez Pidal, comezando esas obras polo flanco norte porque estaba máis deteriorado, e logo na pavimentación dos seus corredores, rematando os traballos realizados xusto a tempo da inauguración da nova sede do Museo Provincial de Lugo en 1957, realizada conforme ao proxecto de Gómez Román.

O resultado final, obra dunha evolución histórica «azarosa»

O edificio actual do Museo Provincial de Lugo é o resultado dunha profunda remodelación realizada no antigo convento de San Francisco e de varias ampliacións posteriores. Cando en 1949 se decidiu o cambio de sede do inicialmente denominado Museo Arqueológico y de Bellas Artes, en principio situado no palacio provincial de San Marcos, o inmoble conventual funcionaba como Casa de Beneficencia municipal e sería reedificado por Gómez Román.

Posteriormente, a ampliación aquí referida foi proxectada polo arquitecto provincial Pérez Barja en 1968, seguindo a idea de Gómez Román que falecera en 1964, e tras diversos atrasos remata en 1974. Non obstante, xa o arquitecto vigués fixera en 1950 un interesante primeiro bosquexo da praza-xardín no marco do proxecto xeral de remodelación do MPL que non se asemella en nada ao de Pons-Sorolla posto que contemplaba a reedificación do lateral norte da praza.

Plano da praza do museo elaborado por Pons-Sorolla
Plano da praza do museo elaborado por Pons-Sorolla

O concello de Lugo aprobou o proxecto de ordenación da praza do museo en sesión do 3/3/1961 e logo adoptou na sesión do 13/8/1962 o acordo de «Tasación de terreos para permuta entre a Excma. Deputación e o concello na Praza do Museo» nunha cesión entre ambas corporacións de propiedades destinadas a uso público para construír a devandita praza, coa idea de que se adquirise a casa dos Neira Pedrosa, donde se instalaba o Goberno Militar da Plaza e Provincia.

No Boletín Oficial da Provincia dáse conta da aprobación do expediente técnico e administrativo da obra do Plan de 1966, número 28: «Urbanización da Praza do Museo». Na Acta da sesión da Xunta Reitora do MPL de 28/5/1968 faise constar, tamén, a importancia de adquirir ou expropiar a casa nº 32 da Rúanova, lindante co xardín do museo, para harmonizar coa praza deseñada por Pons-Sorolla, encargándolle a este arquitecto daquela asignado á primeira zona do Servizo de Defensa do Patrimonio Artístico, un proxecto dun novo edificio nese solar para fins culturais que irmandara co conxunto xeral, pero no se chegou a acordo cos propietarios.

Rematadas as primeiras obras, realizadas pola Sección provincial de Servizos técnicos da Deputación de Lugo, da que xa se daba en chamar Praza do Museo, quedaba por facer esa ampliación do MPL substituíndo o devandito edificio que facía esquina coa rúa Nova e cuxa parte traseira con patio e horta pechada con muros, sería incorporada á nova praza dando tamén maior visibilidade á estrutura do antigo convento (cociña e refectorio) incluso mantendo a cota orixinal máis elevada que a rúa. 

Despois da demolición

Coa tan esperada demolición da casa tamén se ensancharía a rúa Nova e a praza da Soedade ao variar a liña fronto lateral dese ben inmoble tal como consta no proxecto de ampliación do MPL (Pérez Barja, 1969) «resolvendo o problema urbanístico de enlace axeitado entre a praza do museo e o xardín público aberto ultimamente na rúa Nova, completando este conxunto de forma digna e aumentando o espazo viario mediante retranqueo e incorporación á vía pública de 104 m2 de terreo». Ademais, pretendíase consolidar unha nova zona de interese artístico utilizando materiais nobres: sillerías de granito, pavimento de lousas graníticas, lastros e chapacuñas, para a súa construción ao tempo que se eliminan muros e peches particulares.

A contorna do edificio do MPL foi cambiando para ennobrecer e ampliar accesos e dar visibilidade ao conxunto, conformando así a actual praza da Soedade polo sur e no lado oeste a praza Fillos de Antón de Marcos co xardín tamén deseñado por Pons-Sorolla. O aspecto actual da praza lateral do museo que aquí analizamos mantén totalmente o proxecto do seu arquitecto.

Esta configuración urbanística, consolidada xa no segundo terzo do século pasado, certamente tivo unha evolución histórica azarosa e uns protagonistas que hai que lembrar.

O proxecto do edificio cultural protexeu as especies arbóreas preexistentes

Pons-Sorolla, como urbanista interesouse pola configuración das contornas dos recintos monumentais e realizou un proxecto para o acondicionamento da praza-xardín do MPL, entre finais de 1960 e principios de 1961 por encargo do concello de Lugo. Máis tarde, en 1966, xa se lle encomenda, por fin, a dirección técnica da obra de creación «dunha praza con xardín» cara á rúa Nova que despois se bautizaría como praza Fillos de Antón de Marcos, polas aportacións desta familia de mecenas ao MPL.

O Proxecto de ordenación da nova praza do MPL, asinado por Pons-Sorolla y Arnau en febreiro de 1961, custódiase no Arquivo do MPL xunto co respectivo orzamento, valorado en 852.185,95 pesetas, e con todo o desglose de traballos a realizar como a realización das fontes de pedra con pilón: unha adosada ao museo e outra na rúa Nova, o banco de pedra curvo, o pavimento, iluminación, plantación de árbores, etc. A memoria contempla as especies arbóreas significativas como o gran magnolio, ampliar o espazo inicial co patio traseiro da casa dos Neira Pedrosa dando folgura á outra entrada ao museo polos soportais e configurando un «xardín arqueolóxico» que dignificara a fachada lateral do museo.

 Aurelia Balseiro García. Museóloga e Directora do Museo Provincial de Lugo