Días galegos

LUGO

24 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, 24 de febreiro, cúmprense 184 anos do nacemento de Rosalía. É, sen dúbida, unha das datas importantes do calendario cultural galego. O domingo pasado celebrouse o Día da Lingua Materna, non sei se con aires de festa ou de funeral, tendo en conta que a metade dos idiomas do mundo están en perigo de extinción. As cousas normalizadas non necesitan celebracións nin cómpre dedicarlles un día; mais as linguas maternas precisan de respiración asistida e habería que ingresalas na UCI.

Hai xa décadas que se aprobou a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, un documento no que se apostou polo compromiso europeo co seu patrimonio lingüístico e do que emanaron directrices aos estados membros para a súa preservación, particularmente a través das políticas lingüísticas educativas. Case 30 anos despois, o noso idioma segue a perder falantes e retrocedeu o seu emprego entre os integrantes das novas xeracións. De pouco serve que haxa unha mellora nas competencias comunicativas ou no seu prestixio, porque a pervivencia das linguas está vencellada ao seu uso.

Durante séculos, unha preciosa ave, o dodo, habitou a Illa Mauricio. No século XVII foi salvaxemente exterminada e ardeu, por desleixo, o derradeiro exemplar que se conservaba completo. Logo, a súa destrución e a nosa hipocresía convertérono nunha imaxe icónica e hai, por exemplo, unha marca de xoiería italiana que o ten como emblema. A xente conmóvese pola súa tenrura de ave torpe, inxenua, que seica poñía os ovos no chan e non fuxía porque non estaba afeita a tratar cos depredadores e non coñecía o significado da palabra desconfianza.

A inocencia tamén favorecerá a desaparición de milleiros de linguas no noso século: será unha sangría imperceptible, paulatina, en moitos casos hipócrita; mais constituirá un auténtico masacre. A nosa modesta contribución a evítalo, desde este pequeno recanto no noroeste do mundo, pasa pola defensa do galego e polo seu cultivo. Trátase da nosa lingua propia. É unha cuestión de dignidade e unha obriga moral mantérmola viva.