Dona Roxelia

María L. Sández

LUGO

26 ene 2021 . Actualizado a las 19:04 h.

Unha das principais funcións do humor é a de relaxar as tensións. O riso ten efectos anestésicos e amnésicos e por iso seica é tan difícil lembrar os chistes. Algunhas persoas, entre as que me conto, non somos quen de non rir ante unha caída, aínda que sexa importante ou sexamos nós mesmos os que caemos. Pois ben, o que está ocorrendo xa comeza a precisar do humor, así que, ao coñecer a nova da confusión entre Conchita e Roxelia a min deume por lembrar a outra Roxelia, dona Roxelia, a de Carme e os seus bonecos, que as nenas e nenos da miña xeración temos ben gravada na memoria.

A situación actual é o caldo de cultivo axeitado para aparición do humor negro e presenta escenas cómicas que recordan á do home que, hai uns anos, estando xa na mesa da autopsia, recuperou a conciencia. Os nenos cambiados e as anagnórises abraiantes son frecuentes na literatura; mais esta confusión ten un signficado totalmente distinto e esixe de nós que pensemos o xeito no que coidamos dos nosos maiores. Entendermos as circunstancias nas que puido producirse o erro non invalida o feito de que os vellos se atopan, decote, ingresados en institucións de grande magnitude e, na complexa situación que estamos a vivir, desprazados e desubicados, ao cargo de persoas que os reciben e acollen sen coñecelos previamente e morrendo, a miúdo, entre descoñecidos.

En “Las medias rojas”, un dos moitos contos de Pardo Bazán nos que se reflicte o maltrato, un pai deixa chosca á filla cando intúe, polas medias que mercou, que quere marchar, emigrar e deixalo só. Hoxe asumimos a mobilidade laboral, priorizamos a procura do éxito profesional e, por estas razóns, aceptamos a deslocalización e a ruptura de vínculos e acabamos noutro xeito de maltrato institucionalizado. Estamos inmensamente sós. E seguro que a Dona Roxelia de Carme había de ter algunha observación sabia e aínda había sacarnos un sorriso.