Xaque mate

María L. Sández

LUGO

13 oct 2020 . Actualizado a las 18:08 h.

Bomba de emocións. Así definiu Pepe Cuenca unha partida de xadrez no acto que tivo lugar o venres pasado no Círculo das Artes. Este enxeñeiro de camiños e doutor en matemáticas, de 33 anos, é moi coñecido no mundo do xadrez, porque, ademais de Grande Mestre, é un excelente divulgador, activo nas redes, nas que amosa simpatía, humor e dotes comunicativas.

Cuenca explica que notou un incremento de interese polo xadrez a partir do momento no que se aprobou no parlamento a súa entrada na escola e co seu maxisterio contribúe a desmentir algúns tópicos, salientando a importancia da forma física para este deporte e o profundamente emocionante que pode ser o xadrez rápido ou o impactante das partidas a cegas.

Como persoa achegada lateralmente a esta práctica (na súa dimensión afeccionada) sei, tamén, o moi tocada que se está a ver pola pandemia. Sometidos a restricións e protocolos, moitos campionatos, como os escolares, a liga ou os que conformaban o Circuíto Galego de Promoción, simplemente se suspenderon. Desde que todo mudou en marzo, unha das cousas que máis boto de menos son as viaxes, cada sábado, a un punto de Galicia; a emoción do xogo; a alegría e o balbordo entre as partidas; a amizade e o tempo compartido polos acompañantes e os nenos… E imaxino que todo isto é extrapolable a outros deportes… Nos patios, nótase a ansia coa que se agarda un balón.

O ano pasado, mentres se celebraban en Salobreña os campionatos de España de categorías infantís e xuvenís, Pepe Cuenca xogou partidas simultáneas cos nenos. A súa visita a Lugo encheume de saudade. El, coa súa forza, o seu talento e a súa simpatía, segue alentando a emoción do xogo. Oxalá non se adíe ese xaque-mate que agardamos e que fará que xa non haxa que xogar en dous taboleiros paralelos, nin sexa preciso desinfectar cada peza capturada con xel hidroalcohólico.