O Hula vén de recibir o Premio Nacional de Medicina Século XXI á mellor atención hospitalaria. Descoñecemos en que parámetros se basea a mención; máis, en calquera caso, estamos nun tempo bo para recoñecer o traballo dos sanitarios.
Durante o confinamento, instaurouse un rito colectivo de homenaxe ao seu esforzo e, pouco a pouco, os traballadores e traballadoras dos hospitais convertéronse en heroes
dos tempos da pandemia. A situación vivida nos últimos meses supuxo un desafío que
debería agudizar a nosa conciencia da importancia da sanidade pública, así como da necesidade de investir para que garanta a universalidade e calidade, dous piares imprescindibles para o funcionamento correcto.
As sociedades avanzadas teñen sistemas sanitarios dignos e recoñecen o valor da vida de cada un dos seus cidadáns. Estou convencida de que a maioría do persoal sanitario, por riba de premios e mencións, homenaxes e aplausos, quere poder exercer o seu traballo en boas condicións, contando co equipamento necesario e podendo dispor do tempo que se precisa para atender os pacientes. Así o recollen os testemuños que están aparecendo nos medios de comunicación e que expresan o seu desalento.
Mais todos temos un certo grao de responsabilidade nesta cuestión. O noso consiste en coidarmos de que as nosas accións non acaben saturando as UCI. Nunhas semanas saberemos que acontece co San Froilán: se as medidas foron suficientes e non incidiron nun incremento de casos… Porque, no caso de acontecer iso, os sanitarios estarán aí, mais será un fracaso de todos.