A iniciativa permite que os mozos preparen de forma gratuíta as probas das Escolas Oficiais de Idiomas
27 jul 2020 . Actualizado a las 14:07 h.A Consellería de Educación acaba de publicar a relación de centros participantes no programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (CUALE). Un total de cinco centros de ensino da provincia de Lugo participarán durante o curso 2020/2021 nesta iniciativa. O programa ofrece aos estudantes de centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros de formación profesional a oportunidade de preparar as probas de certificación das Escolas Oficiais de Idiomas dos niveis especializados.
Os centros incluidos no programa son o IES Lois Peña Novo (Vilalba), os IES Río Cabe e A Pinguela (Monforte), o IES Lama das Quendas (Chantada) e o IES Monte Castelo (Burela). A formación que recibirá o alumnado para preparar os exames oficiais da Escola de Idiomas é completamente gratuíta e realizarase fóra do horario lectivo. Os encargados de impartir as aulas son os docentes especializados do propio centro, pero a convocatoria está aberta a estudantes doutros institutos.
O CUALE desenvolverase en catro modalidades diferentes, correspondentes aos niveis A1, A2, B1 e B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas. O profesorado instrutor realizará unha proba ao final do curso e a superación da mesma supón a expedición dun certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación que se realizarán nas Escolas Oficiais de Idiomas. A maioría de centros, que xa levan varios anos ofrecendo este servizo, aínda teñen prazas dispoñibles.