Sempre fun consciente, pero dende que regresei a Lugo no 2015 e comecei a miña etapa como Guía Oficial de Turismo de Galicia moito máis, de que as persoas de fóra valoran máis o patrimonio da nosa cidade que os propios lucenses. Hai pouco a Unesco anunciaba que elixía á Muralla Romana como un dos 40 lugares Patrimonio Mundial a promocionar no confinamento polo covid-19. Para a incredulidade de moitos, bastantes persoas aínda se sorprendían desa selección. Semella que aínda nos custa crer que podemos ser os mellores en moitas cousas.
Nestes anos compartín paseos con persoas de medio mundo, algunha vez calculei que polo menos 80 nacionalidades diferentes... e con elo gañei miradas brilantes a sumar á que sempre menciono, á primeira que me influíu tanto, a do meu saudoso pai, arxentino fillo de galegos (de Baleira e Ribadeo) que cando xa na corentena pisou por vez primeira Lugo, namorouse profundamente da capital da provincia dos seus pais. Como el, outros Erasmus e viaxeiros que coñecín nestes anos, contáronme que tocaban a Muralla con emoción, incluso que falaban con ela como o meu amigo Cristopher Chaldú.
Hai oito anos estudaba un máster Erasmus Mundus en xestión de paisaxes culturais, moi vencellado á Unesco, entre Francia, Italia e Alemaña. Alí tiña un compañeiro arqueólogo de Burkina Faso, Hantissié Hervé Farma, agora doutorando na Université Libre de Bruselas. Cando lle falaba de Lugo iluminábanselle os ollos. Varios traballos do máster dedicounos a Lugo. No 2016 veu visitarme e non paraba de facerlle fotos a cada recuncho, a cada detalle da cidade, como se estivese nunha das 7 marabillas do mundo. Temos que crérnolo máis.