Un ministerio

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

19 may 2020 . Actualizado a las 08:45 h.

Átelevisión ténselle chamado «caixa tonta», xeneralizando o escaso nivel de contidos, con excepcións notables, de xeito que aínda con ducias de canles os televidentes cun certo nivel de esixencia teñen dificultade para atopar algún programa que entreteña sen molestar sensibilidades.

Neste desconfinamiento no que imos recuperando hábitos normais os martes á noite suspendo calquera actividade para ver en La 1 El ministerio del tiempo, do mellor que teño visto na televisión, opinión na que parecen coincidir nos países aos que se exportou, entre eles a China, aínda que pareza difícil que alí comprendan as sutilezas desta serie que rompe esquemas e barreiras, mesmo as do tempo.

Mesturando ciencia ficción, historia e humor intelixente e provocador, velaquí un ministerio especial que os gobernos españois terían no maior dos segredos, que corrixe as desviacións que se aprecien no decurso do tempo, para que a historia de España se manteña e non se altere a actualidade, a vida, deste país.

Cun especial despregamento de medios, ambientacións históricas admirables, magnífico reparto de actores e unhas portas do tempo que permiten acceder no presente á nosa historia, este ministerio é unha intelixente toleada que provoca curiosidade e empatía, e quen a contempla queda atrapado irremisiblemente.

Eu, que utilizo a tele como son de fondo para traballar, con atención puntual a temas moi especiais, teño dúas series de culto- Estoy vivo e El ministerio del tiempo- que pasarán á historia da televisión, e polo tanto á nosa historia. Cando as vexo, coido que os que falan da «caixa tonta» deberían pensalo dúas veces.