Un vermú raro en Lugo: desexado pero responsable

LUGO

Moitos grupos de amigos reuníronse tras dous meses con gañas de retomar costumes que os unían todo o ano

17 may 2020 . Actualizado a las 21:13 h.

Falan de xeito animado y se fan oír a través das máscaras cun ton un pouco máis alto do habitual, gardan unha distancia que lles impide atropelarse ao camiñar, séntanse nunha mesa e senten que deixan o confinamento por primeira vez atrás. Moitos amigos e familiares saíron onte á rúa para gozar de novo da hora do vermú, que foi para moitos o máis raro, polas gañas coas que chegaban a el e tamén o máis responsable polo cumprimento das medidas contra o covid-19.

«Os que seguimos traballando, esta situación nos xerou máis tensión da habitual porque tes que estar moi pendente de ter coidado, de limpar todo moi ben... Cando saes de traballar necesitas isto: desconectar, estar en contacto coa xente... Se non, é un bucle, saír do traballo para encerrarte na casa», explicaba onte unha das rapazas que gozaba no Campo Castelo da súa primeira caña en compañía dun grupo de amigos.

Cun bote de xel desinfectante sobre a mesa, todos compartiron as súas palabras: «É parte da nosa cultura, necesitámolo e isto non vai facer que cambie». A súa intención era tomar algo nunha primera terraza no Campo Castelo e despois moverse a outras ata ben entrada a tarde, «cando cada un se vai para a súa casa», di outra das amigas antes de probar un dos pinchos que a camareira deixou na mesa. A tradicional bandexa na que cada un elixe o bocado que máis lle guste foi substituída por unha na que se reparten os mesmos pinchos mesa por mesa.

Para unha parella que tomaba algo co seu bebé no colo nunha mesa nos soportais da Praza do Campo tamén era a primeira vez que saían, máis alá dos destinos permitidos durante a fase cero. Os dous se amosaban confiados nas medidas de seguridade habilitadas nos bares e coincidían en subliñar a relevancia de volver a reunirse nas rúas: «Tomar algo nunha terraza, ver á xente, tamén é importante para unha vida normal».

«De película»

hai tres mulleres sentadas na terraza de Los Soportales que todos os sábanos do ano se reúnen a eso da unha da tarde para tomar o vermú. O confinamento non lles impediu facerse coa bebida no supermercado, pero botaban en falta o momento. «Estanos sentando de película, isto era tamén moi necesario», afirma unha delas.

Din sentirse afortunadas por ter contado cunha terraza nas súas casas e por ter atopado a mesa na que puideron sentarse a primeira hora da mañá, cando decidiron almorzar aquí. Na mesa do lado, dúas señoras valoran de forma positiva as medidas de seguridade habilitadas en cafeterías e comercios, afirman que «todo é cuestión de acostumarse» e animan a imbuírse dun espírito práctico para avanzar nas fases da desescalada: «Tampouco se poder vivir obsesionado con que te vas a contaxiar».