Divulgación e ciencia, en feminino

María López Sández
María Sández TRIBUNA

LUGO

05 feb 2020 . Actualizado a las 09:02 h.

Este 11 de febreiro conmemórase o Día da Muller e a Nena na Ciencia e, para celebrármolo, divulgarmos o coñecemento científico e promovermos as vocacións neste campo (no que aínda pervive unha importante fenda de xénero) levaranse a cabo, dentro do marco do programa XuvenCiencia, unha serie de actividades de dinamización e difusión no CEIP de Paradai. Vinte investigadoras da USC guiarán as actividades e obradoiros co gallo de achegaren aos máis pequenos o coñecemento científico e visibilizar a presenza feminina na investigación, normalizando, así, a dedicación da muller á ciencia. 

Nos últimos anos, houbo unha maior preocupación por abrir a universidade á sociedade da que forma parte. O programa A ponte leva tempo acercando os investigadores universitarios aos centros de ensino secundario. Mais neste caso dáse un paso máis, ao dirixirse a nenas e nenos de infantil e primaria, porque é en idades moi temperás cando se transmite, dun xeito case imperceptíbel, o sistema de valores que finalmente acaba provocando a fenda de xénero nas carreiras científicas e tecnolóxicas. Así que ese semella o momento no que unha iniciativa como a de XuvenCiencia ten máis opcións de, algún día, dar froitos. 

Por outra banda, o coñecemento científico debe estenderse ao conxunto da sociedade. Os que nacemos alá polos 70 non esqueceremos a Carl Sagan falándonos do Cosmos. Non semella que a proliferación de medios e canles incrementase a divulgación científica de calidade. Como cidadáns, cómpre tomarmos decisións no futuro sobre os grandes temas de alcance global que teñen unha implicación científica (desde o cambio climático ata os límites bioéticos das nosas capacidades tecnolóxicas) que converten a cultura científica, non só nun elemento básico da cultura en xeral, senón tamén dunha formación para a cidadanía.