E Navia foi polavila

Toño Núñez

LUGO

Lucía Rodríguez

03 ene 2020 . Actualizado a las 12:58 h.

“Miña terra, miña terra, terra onde me eu criei…” Naquel Vilameixide do pé das montañas ancaresas que ve pasar o Navia dende o balcón das Cruces no que eu me botei a andar aínda había polavilas. Aínda cantaban os carros e nas longas noites de inverno todo acontecía, aínda, “Á lus do candil”. Con ou sen farol. Non, os Pascualíns aínda non chegaran… Naquel Vilameixide, aquel neno que non tiña nenos con quen xogar porque non había outros rapaces nin rapazas no lugar, alucinaba cando, despois de cear, os seus tíos marchaban da casa dicindo que ían á polavila. E devecía por acompañalos. Mais, cando lles pedía que o levasen, a resposta era sempre a mesma: «Cando sexas mozo». A polavila era na casa da Lomba. Ou na de Mon, xa non lembro con precisión. Os recordos son coma pombiñas brancas que aniñan na nosa memoria. Especialmente, os máis agradables. Que sería aquilo da polavila? Moi intrigante e atraínte, abofé. Coma todo o prohibido.

Sempre me gustou a palabra. Aínda cando cheguei a facer meu o seu significado e a desposuíla da dose de misterio e de intriga que en min espertaba de neno. No dicionario RAG non aparece; pero no Estraviz, si: «Reunião noturna numa casa durante o inverno para passar o tempo». Aquelas reunións veciñais nas longas e frías noites de inverno, á carón da lareira primeiro, e arredor da cociña bilbaína, despois, daban para moito. Nunhas aldeas eran nunha casa fixa; noutras, rotábase. Alí, na polavila, leriábase de calquera cousa intranscendente, xogábase ás cartas, falábase das colleitas e do gando, do tempo, facíanse plans, apostábase, contábanse contos (aínda había trasnos que derrubaban palleiros e lobos que acompañaban a xente polos camiños), fachendeábase, moceábase… Tamén habería momentos para gastárense bromas, máis ou menos soportables. Ou para que os ou as máis débiles dos parladoiros aturasen as burlas, cando non as humillacións, dos máis crueis. Outras veces despelellábase a Rosiña da Pumarega por ser demasiado xenerosa co mozo, que era da aldea do lado; ou a Pepín do Rego por deixar preñada a Dosinda da Poza e non querer facerse cargo da obra. Supoño que o cura e a mestra tamén pasarían a revisión. Mesmo, ás veces, o xuntoiro remataba en cántigas e en bailes a toque de pandeira, pandeiro ou dunha lata de pimentón de Murcia; se había unha gaita, xa era festa rachada. Mais, seguramente, a cousa tamén tería rematado nalgunha ocasión a paus e navalladas. Daban para todo as polavilas.

Despois viñeron as radios. Máis tarde, as televisións. E apoderáronse das polavilas. E Gento, Pirri, Zoco e Amancio socializáronse. Ai… As avoas e avós máis inxenuos cavilaban que naquelas caixas vivía a xente que lles falaba… Puro realismo máxico. E chegou a luz eléctrica. E os Pascualíns. E a montaña deu en baleirarse… A chamada de Barcelona volveuse moi tentadora, irrenunciable. Por necesidade. Ou por ambición. E os tempos mudaron… E as polavilas foron chegando á súa data de caducidade... Non obstante, nalgunhas aldeas dixéronme que aínda non morreran de todo.

Por todo isto, e máis, a Asociación Veciñal Irmandade Naviega quixo recuperar e «pór en valor», como se di agora, esta palabra tan nosa e tan fermosa. E quixemos chamarlle así á convocatoria de cantos de taberna, ou bares, que puxemos a andar neste Nadal, convocatoria que foi todo un éxito. Esta é a intención desta asociación creada recentemente: contribuír a dinamizar a vila e o concello e loitar polo presente e polo futuro de Navia, en particular, e dos Ancares lugueses, en xeral.

Esta I Polavila de Cantos de Taberna, organizada pola Asociación Veciñal Irmandade Naviega e financiada polo Concello de Navia de Suarna, coa colaboración de sete bares desta localidade, celebrouse na vila ancaresa o 28 de decembro de 2019. Os actos comezaron ás 18: 30 horas cun pasarrúas e, ás 19:00, a música soou sen parar no Bar Suarna, no Ángel, no Aarau, na Escola, no Hotel Suarna, no H-3 e no Xegunde ata pasadas as tres da madrugada do día seguinte. O numeroso público asistente cantou e bailou sen parar ó son da música que lle ofrecían as distintas formacións que animaron esta polavila. Foi moi bonito ver os bares de Navia convertidos en salóns de cantos e de baile, cunha animación que hai moitos anos que non se lembraba. Si, moi bonito.

Os grupos participantes foron Os Agustiños, Airiños do Neira, Estoupafoles, Folquiada, Os do trece e Tanto dá. Dado o éxito da convocatoria, a Asociación Veciñal Irmandade Naviega ten toda a intención de darlle continuidade a esta polavila. Polo rural. Polas nosas tradicións. Pola nosa música. Pola nosa lingua… En definitiva, pola nosa cultura. Polo futuro.