Sensibilidade

LUGO

26 dic 2019 . Actualizado a las 09:37 h.

É curioso o que ocorre coas páxinas dos xornais nestes tempos nos que temos tanta información que vivimos completamente desinformados. As rápidas instantáneas coas que nos disparan cada día pasan, case sempre, totalmente desapercibidas; mais, de cando en cando, aparece algo novo que nos conmove ata conxelar, por un intre, o fluír interminable das noticias. Malia que a violencia e a morte estean aí, a diario, en forma de accidente, de crime ou de desaparición inquietante, iso forma parte da nosa normalidade e só nalgunhas ocasións, quizais polo desvalimento da vítima ou pola súa fraxilidade, acaba por interesarnos a súa historia e achegámonos a ela dun xeito especial.

Coido que a esta categoría pertencen dúas novas recentes que se produciron en Chantada: o falecemento dunha cadela recén parida (vítima dos golpes e o disparo que lle propinou o seu amo) e a morte por inanición de 39 vacas nunha granxa de Axulfe. Lonxe quedan os tempos nos que se afogaba, sen máis, unha camada indesexada de gatos. Ou nos que se sacrificaba o can que ía demasiado vello. A ética e as emocións están suxeitas ao devir histórico. A nova sensibilidade social cara aos animais procede, precisamente, de termos entrado nunha fase na que a relación establecida con eles non é meramente funcional. E algo semellante ocorre coa paisaxe: a actitude do agricultor é distinta da dos pintores que procuran nela os seus valores estéticos.

Ambas percepcións, a materialista e a emocional, poden coexistir, equilibrándose mutuamente; mais o desenvolvemento dunha nova sensibilidade estética e afectiva cara á natureza e cara aos animais é froito dunha sociedade que non se reduce ao nivel da loita pola supervivencia. Un grao superior, sen dúbida, de evolución moral, que remata trasladándose, en última instancia, ás leis e ao código penal. E non é casual que a malleira e o asasinato da cadela acontecesen cando acababa de parir: seguro que, mentres a mataban, lle chamaron puta. Á vida gústalle xogar con casualidades que ao final se revelan simbólicas e significativas e esa cadeliña, maltratada e morta, chamábase Alma.