Cuartel de San Fernando: unha proposta imposible para eludir un compromiso

Adolfo de Abel Vilela EL FUTURO DE SAN FERNANDO

LUGO

OSCAR CELA

14 dic 2019 . Actualizado a las 18:33 h.

Ahistoria repítese. Nestes días nos que celebramos o XIX Aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, a Xunta de Galicia tamén se subiu ao carro da conmemoración, a mesma que no seu día puxo máis atrancos para que o monumento acadase tal distinción é a que hoxe practica parecida estratexia co cuartel de San Fernando.

Pero a maiores aproveitando o acontecemento deixasen caer novas ideas ás que compre cualificar benignamente como ocorrencias inútiles que de tentar levalas a cabo todas terían que ser trasladadas á fiscalía de Patrimonio para a súa investigación, mesmo a que agora xa nos fai sen persoa interposta e sen poñerse rubio Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura e Turismo, para o que se debería pedir a dimisión porque non debe estar ao fronte dunha consellería.

A Lei do Patrimonio Cultural de Galicia di: «Calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, está obrigada a cumprir os deberes establecidos nesta lei para a protección do patrimonio cultural de Galicia, así como a actuar coa dilixencia debida no seu uso». Pois ben, se calquera cidadán ten estas obrigas, ¿que non dicir das que lle corresponden ao que o lexislativo fai responsable da protección e da conservación do patrimonio? Porque coa estrafalaria proposta o conselleiro nin cumpre cos deberes da lei nin con dilixencia no uso que pretende que se lle dea ao cuartel.

Desviar a atención ante o incumprimento

Eu podo propoñer facer o parador, por exemplo, no convento de Santo Domingo, un edificio histórico, ben situado, con dous claustros, aparcadoiro diante, etc., e adornar e xustificar a proposta coas contas da leiteira e os informes de prestixiosos asesores. Non fai falla ser moi avisado para darse conta de que esta ocorrencia é imposible porque, entre outros impedimentos, topa cun básico: non podo dispoñer do que non me pertence. O conselleiro está facendo o mesmo co cuartel de San Fernando e co MIHL, decidindo o uso de dous edificios que non son propiedade da Xunta e definindo a política cultural de dous partidos, o PSOE e o BNG.

Pero a maiores, o conselleiro vai cambiando de opinión sobre a marcha dos acontecementos, o que demostra que carece dun proxecto político, e agora xa nos vende outro destino para o Pazo de Dona Urraca, antes dedicado á Oficina de Turismo que agora leva para o Hospital de San Miguel, cuxo uso xa lle ofreceu hai pouco con gran fanfarria á Asociación Provincial de Hostalería. Aínda non nos dixo a onde pensa levar o Centro de Interpretación do Camiño Primitivo.

Pero o máis escandaloso xa non é que o conselleiro non queira facer o Museo Arqueolóxico en San Fernando nin explique as razóns, senón que no seu lugar ofreza facer un parador innecesario e imposible que ninguén lle pediu, que leven tapados máis de dez anos os importantes achados arqueolóxicos das inmediacións da Porta Miñá sen que diga que pensa facer con este xacemento, se é que sabe que existe, e que a maiores queira desmantelar unhas magníficas instalacións inauguradas no ano 2009 nas que se fixo un importante investimento, ben situadas e ben montadas, como son a Oficina de Turismo e o Centro de Interpretación do Camiño Primitivo. De paso, debería dicir que pensa facer con este local.

Detrás da broma do parador híbrido, hotel e museo, supoño que porque se musealizan os achados arqueolóxicos, está a táctica de «divide e vencerás» e a do cuco, que pon os ovos no niño alleo para que llos saquen adiante outros, pois agarda que o Concello, a Deputación e o Goberno do Estado poñan 5,4 millóns de euros, e despois pasarlle a xestión á Red de Paradores, é dicir, impoñerlle a súa política ao PSOE, que é quen ten neste momento os gobernos central, provincial e municipal. Se foran do PP non habería tal proposta.

Para esta viaxe non fan falla alforxas porque con eses cartos e coa colaboración desas institucións o Concello pode e debe facer o Museo pola súa conta. Da maneira que o que está a facer o conselleiro neste asunto é tentar desviar a atención ante o seu incumprimento e derivar as responsabilidades propias cara outros.

Unha proposta inviable

Cústame crer que o conselleiro descoñeza a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, e por tanto que sexa ignorante das limitacións que ten un edificio declarado BIC para o destino que propón. A citada Lei ten por obxecto a protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia de forma que sirva á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sostible e fundamento da identidade cultural do pobo galego, así como a súa investigación, valorización e transmisión ás xeracións futuras. Isto é o que se pretende coa restauración do Cuartel de San Fernando e a instalación nel dun museo arqueolóxico.

No tocante á utilización dos bens declarados de interese cultural (BIC), aos que lles corresponde sempre unha protección integral, quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección. Ao cuartel de San Fernando correspóndelle unha protección integral, o que significa segundo a Lei, a conservación íntegra de todos os seus elementos e compoñentes nun estado o máis próximo posible ao orixinal desde a perspectiva de todos os valores culturais que conforman o interese do ben, respectando a súa evolución, transformacións e contribucións ao longo do tempo.

O Cuartel foi declarado BIC porque conserva a estrutura orixinal, que é intocable, e por tanto non se lle pode dar licenza para facer o parador, e como o conselleiro pola súa formación e responsabilidades políticas ten que sabelo, a proposta non só e maliciosa, senón que tamén é un engano. E en democracia os partidos políticos e os votantes non deberían acoller a políticos que utilizan estas prácticas, non só polo prestixio da propia organización á que pertencen e do sistema, senón tamén das institucións que representan.

Ao conselleiro ben se lle pode aplicar a mensaxe implícita nunha pintada que había nos anos da transición na parede do aparcadoiro de Santo Domingo en Madrid: «La pintada desprestigia a quien la hace», e a proposta que nos fixo tamén.