O BNG denuncia o abandono do tren

Rubén Arroxo e Olalla Rodil fixeron unha viaxe simbólica como reivindicación


lugo / la voz

O Bloque Nacionalista Galego denuncio onte o «estado de abandono no que se atopa o sistema ferroviario galego» cunha viaxe simbólica de Lugo a Sarria.

A cabeza de lista ao Congreso, Olalla Rodil, denunciou «as promesas incumpridas das forzas estatais, PSOE e PP, que alternaron no goberno nas últimas décadas» e «comprometeu a voz do BNG no Congreso para reclamar un tren digno, que atenda as necesidades das nosas comarcas e contribúa á vertebración territorial do país». Os nacionalistas decidiron realizar onte o acto para reivindicar mellores servizos para os lucenses e para a súa calidade de vida posto que o tren e o vehículo diario de centos de persoas.

Reivindicacións

Rodil, que fixo esta reivindicación acompañada por integrantes da candidatura nacionalista ao Congreso e ao Senado como Yann Pouliquen e Cosme Eladio Pombo, e polos concelleiros de Lugo, Rubén Arroxo e Felipe Rivas, sinalou como primeiro paso para a modernización do servizo ferroviario a instalación da catenaria e electrificación do treito entre Lugo e Monforte.

«Unha vez máis, coincidindo coa campaña electoral, chegan os anuncios de licitacións que logo non chegan a materializarse. As forzas estatais seguen con promesas mentras esta parte da Galiza segue, en novembro de 2019, coa mesma liña de tren de 1883» , denunciou a candidata nacionalista en referencia ao anuncio feito polo Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (Adif).

Rodil incidiu en que «unha liña ferroviaria ben xestionado, con horarios que respondan ás necesidades da veciñanza e que faciliten a chegada ás grandes cidades e os transbordos con servizos de longa distancia, é unha ferramenta fundamental para a vertebración e a cohesión do territorio porque facilita a mobilidade e o acceso aos servizos sanitarios, educativos e culturais pero tamén o desenvolvemento económico».

Axenda electoral

A axenda electoral da formación nacionalista, que ao longo da xornada organizou repartos electorais en San Cibrao, Viveiro, Mondoñedo ou no barrio da Milagrosa, en Lugo, culminou cun acto público na Casa Sindical de Chantada.

Na súa intervención, o candidato ao Congreso, Yann Pouliquen, reivindicou o nacionalismo galego como «a única forza que defenderá os intereses e dereitos dos galegos e das galegas no Congreso» e como «unha garantía para frear o avance de formacións políticas e ideoloxías totalitarias que atentan contra os dereitos fundamentais».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O BNG denuncia o abandono do tren