06 nov 2019 . Actualizado a las 08:49 h.

Hai uns días falabamos do Garañón e agora quero engadir á reflexión sobre ese despropósito urbanístico, ese atentado paisaxístico sobre as costas que descenden cara ao río, o problema das construcións e proxectos na Ronda que non só superan a altura dos circundantes, senón tamén a da propia Muralla. Sen dúbida a Muralla e o río Miño (co seu incomparable bosque de ribeira) son os dous grandes atractivos que singularizan a Lugo no conxunto das cidades de Galicia. Como comentamos noutras ocasións, a conservación da vexetación autóctona é aquí moito mellor ca na contorna das outras urbes galegas.

Gustaríanos pensar que, se contamos cunha muralla romana cando todas as demais sucumbiron, é por un mérito noso, por termos sabido enxergar o seu valor cando outros ignaroron o das súas. Mais sabemos que non, que foi, máis ben, cuestión de sorte, o resultado de que a expansión da cidade noutras épocas fose inferior á doutras que optaron por derrubar as súas para facilitaren o crecemento e reutilizaren os materiais. De feito, dá vergonza recoñecer que a mediados do século XX aínda se considerou a posibilidade da súa demolición.

Do mesmo xeito, seguramente debemos á altura da cidade sobre o nivel do mar e á súa localización interior e o seu clima e as conseguintes xeadas que na paisaxe que nos rodea aínda poidamos gozar do devalar das estacións, dese ciclo continuo e fermoso do que falaba Otero Pedrayo.

A cuestión é que eses valores inmensos chegaron a nós, nun momento no que a conciencia cultural, paisaxística e ecolóxica se plasma en mencións, recoñecementos e proteccións. Mágoa sería que, logo de ter sobrevivido cando todas as demais desapareceron, logo de a conseguirmos liberar dos edificios que a beireaban, logo de tela abrazado e mitificado e convertido en patrimonio da humanidade, a sepultemos, agora, con outra muralla prosaica de edificios. Non, non queremos unha ronda que se eleve sobre a muralla e lle faga sombra. Non é o Lugo que queremos.