Xuntos na Terra Chá polas defensa dos nosos valores

Comisión contra as Minas da Terra Chá

LUGO

Óscar Cela

Alcaldes de catro concellos e unha plataforma de veciños e gandeiros opóñense aos posibles danos que pode causar a explotación mineira de Erimsa nas explotacións agrarias da comarca

18 oct 2019 . Actualizado a las 20:12 h.

A Comisión contra as Minas da Terra Chá e os alcaldes de Abadín, A Pastoriza, Castro de Rei e Cospeito, en representación dos concellos da Terra Chá afectados polas concesións mineiras á empresa Erimsa, reunímomos hoxe para expresar a preocupación polos posibles impactos e consecuencias negativas que implicaría para o noso medio a actividade extractiva formulada nos distintos proxectos de explotación que Erimsa pretende levar a cabo na Terra Chá.

Porén, queremos deixar patente que non nos move ningunha prexuízo nin animosidade contra esta empresa, pois se en algo nos caracterizamos as chairegas e chairegos é en ser xente pacífica e solidaria. Pero tamén somos xentes que defendemos o noso patrimonio, cun arraigado espírito emprendedor, caracterizado no noso ánimo de acollida a toda iniciativa emprendedora que supoña progreso para a nosa comarca sempre e cando sexa respectuosa cos valores da nosa contorna e co noso medio de vida.

O noso medio de vida tradicional e, en concreto, no que atinxe ao último medio século, caracterízase por un importante desenvolvemento agrogandeiro asentado nunhas modernas instalacións e infraestruturas nas que se teñen investido importantes cantidades de diñeiro público e privado, acadando uns altos índices de produtividade, tanto leiteira como cárnica, feito que incide no gran aproveitamento da base territorial útil. Isto trouxo consigo o asentamento de importantes industrias lácteas, fábricas de pensos e iniciativas empresariais múltiples, tanto comerciais como de actividades profesionais vinculadas a este sector, o que o converte no principal factor de creación de emprego estable e fai da Terra Chá unha das comarcas de maior puxanza agroindustrial de Galiza. Sentímonos orgullosos e orgullosas deste feito e, por iso mesmo, somos conscientes de que debemos seguir protexendo e apostando polo desenvolvemento sostible.