24 sep 2019 . Actualizado a las 17:47 h.

Os números son un perfecto punto de partida para reflexionarmos sobre a arbitrariedade.100.000 é só un máis ca 99.999. Apenas 700 máis ca 99.300, a cifra récord ata o momento na cidade de Lugo. Mais todos sabemos do peso e a importancia das fronteiras psicolóxicas, do poder de suxestión do cambio de década, do impacto do inicio de ano ou do comezo do curso... E o certo é que, no caso do número de habitantes dunha cidade, ese minúsculo chanzo implica unha repercusión económica e política non desdeñable.

É lóxico e comprensible, daquela, que nos preocupemos de chegar a ese habitante 100.000 que permitirá a Lugo progresar no financiamento e na catalogación urbana. Máis, ao mesmo tempo, coido que cómpre reflexionar sobre o como e o por que. A xeografía é unha poderosa ferramenta do pensamento e poucas cousas hai máis fascinantes que intentarmos comprender os fluxos humanos, os seus asentamentos e migracións, as súas tendencias demográficas. Semella que escollermos o lugar onde vivimos (ou se temos ou non descendencia) pertence ao ámbito das decisións individuais, do máis íntimo e privado, pero, pola contra, poucas cousas están tan determinadas pola política, as circunstancias e os imaxinarios.

Galicia ten un grave problema demográfico e outro (aínda máis grande e só parcialmente conectado co anterior) de abandono do rural. O crecemento de Lugo, desde os anos 50, nutriuse dos fluxos de poboación que abandonaban as aldeas para iren cara ás cidades. O campus universitario tivo tamén un impacto revitalizador, mais, malia rexuvenecer e activar culturalmente a vida da cidade, apenas engrosou os números do censo.

Seguramente non vai ser difícil chegarmos a eses 100.000. Será positivo e celebrarémolo. E quizais sexa entón cando comecemos a preocuparnos non só do canto, senón do como.