O Atlas da renda

LUGO

17 sep 2019 . Actualizado a las 12:52 h.

O espectacular desenvolvemento tecnolóxico das últimas décadas veu transformar o noso mundo do xeito máis radical. Neste proceso, víronse afectadas actividades tan cotiás e sinxelas como buscar un restaurante para ir xantar, mais tamén se desenvolveron ferramentas esenciais para analizarmos a nosa sociedade e o seu engaiolante (ás veces perverso) funcionamento. Entre estas, ocupan un lugar moi destacado o que se deu en chamar Humanidades Dixitais, froito da confluencia do desenvolvemento tecnolóxico co que, no eido filosófico, adoita denominarse «o xiro espacial».

Todas as cuestións que tiñan que ver co espazo pasaron a ocupar un primeiro plano. Coas Humanidades Dixitais, desenvolvéronse mapas que xeolocalizaban as foxas comúns, mapas literarios dinámicos que nos permitiron ver e interpretar os textos doutro xeito e, tamén, por exemplo, o Atlas da Renda, que plasma a distribución da riqueza por áreas xeográficas, mesmo no nivel micro dos barrios e áreas da cidade.

Á marxe do erro, tan comentado na prensa estes días, que situaba a zona das Casas Baratas de Lugo entre as áreas de menor renda de todo o estado (nada, nin sequera as novas tecnoloxías, nos salva dos erros), o Atlas da Renda non nos revela nada que ignorásemos con anterioridade; mais si permite ver, coa forza que imprime a plasmación visual, unhas cantas cousas que xa sabiamos e que agora nos devolve este espello cruel da nosa realidade: a desigualdade económica e social e a súa tradución xeográfica; a expulsión das capas empobrecidas da poboación cara ás periferias das cidades; o proceso de “xentrificación” de certas áreas urbanas e, por suposto, o feito de que o noso propio territorio está sometido á lóxica salvaxe dos mercados.

Logo de contemplarmos o Atlas, non nos queda dúbida: o nivel de renda ponnos a cada un no noso lugar.