María José Gómez: «O pemento de Mougán é todo un manxar»

GLORIA G. VIVERO / S.v. LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

A alcaldesa fala da decimoitava edición da festa que se celebra o sábado 24 en Guntín e que pon en valor este produto

23 ago 2019 . Actualizado a las 08:10 h.

Esta será a primeira edición da Festa do Pemento de Mougán que María José Gómez vivirá como alcaldesa do municipio de Guntín. Foi escollida o pasado mes de maio despois de 28 anos de goberno de Jesús Carreira, e actualmente coordina este posto co de delegada territorial na consellería de Cultura e Turismo.

- Que novidades trae este ano a festa?

- A principal novidade vai ser a carreira dunha milla que se celebra o domingo e que está espertando bastante interese. Así conxugamos o deporte con patrocinar o pemento de Mougán, que é o que nos interesa. Polo resto vai haber un pouco o que se fixeron anos pasados porque ven funcionado ben e a xente está contenta.

- Que espera destas dúas xornadas de festa en Guntín?

- Que acuda moita xente, que coman todos os pementos que son moitos e aínda están os produtores recolleitando, e que a xente se divirta. Vai vir bo tempo polo que na carballeira de Meixaboi vaise a estar de marabilla

-Resulta eficaz a festa como vía para promover este produto con Indicación Xeográfica Protexida?

- Toda a promoción que se poida facer dun produto local como este é boa. O festexo xa leva 18 años e cada vez ven máis xente desde distintos puntos. As degustacións son gratuítas porque a mellor maneira de promover un produto como o Pemento de Mougán é coméndoo. A festa cada vez está tendo unha maior acudida, a xente está a reservar mesas na carpa municipal e cada ano temos máis dificultade para poder colocalos a todos.

- Como están sendo estes primeiros meses na alcaldía? Con qué esta agora o Concello ou qué proxectos futuros hai?

- Agora mesmo co roce das pistas municipais. Tamén estamos traballando nun proxecto con outros tres concellos que prestará axuda a nenos con algún tipo de problema en idades temperáns, vamos a ter catro especialistas que van a rotar en catro concellos e que farán que non sexa necesario desprazarse a Lugo. Gustaríanos tamén crear una Casa do Maior, estamos estudándoo aínda. Tamén achegar algúns servizos máis, como actividades deportivas, baile, pintura que xa empezou en Guntín, etc.

- Como se compaxina a alcaldía co traballo na consellería de Cultura e Turismo de Lugo?

- Saíndo do Concello ás seis da tarde para xantar. Compaxínoo case peor coa vida familiar e persoal. Pero pese a iso a experiencia como alcaldesa está sendo boa e estou contenta. A min o que me gusta é traballar coa xente e facer todo o que podo por eles como tamén facía cando era docente cos meus alumnos.

- Cando foi vostede elixida dixo que un dos principais obxectivos era potenciar o sector agrogandeiro. En que punto estamos?

- É aínda pronto para falar pero estamos traballando en habilitar accesos en camiños que son moi estreitos para dar maior servizos e facilidades á xente. Gustaríanos tamén mellorar a recollida de plásticos agrícolas aumentando os puntos habituais, procurando recoller incluso nalgunhas granxas, aínda estamos estudando como poder mellorar estes servizos.

- Despois dos 28 anos de alcaldía de Jesús Carreira qué supón desempeñar agora este cargo?

- Suso está sempre aí para apoiarme e aconsellarme, iso é para min é moi importante. Substituír a un alcalde que leva tanto tempo sendo elixido polos veciños é todo un reto. A xente respondeu espectacularmente ben e moitos depositaron a súa confianza en min e iso se cabe aínda me da maior responsabilidade de facelo ben.

- Que mensaxe lle gustaría transmitir aos lectores?

- Convido a todo o mundo a achegarse a carballeira de Meixaboi a consumir moito pemento de Mougán que para min é todo un manxar. Que veñan e que pasen con nós desta fin de semana. Ademais haberá bo tempo, polo que tamén se poderá gozar do paseo e das piscinas, que están cerca da carballeira e son un dos reclamos do municipio.