O rostro

María López Sández
María Sández OPINIÓN

LUGO

Gene Blevins | Reuters

09 jul 2019 . Actualizado a las 09:03 h.

Dez anos despois do pasamento de Michael Jackson, o seu rostro volveu ocupar os medios de comunicación. En realidade, nunca deixou de facelo. E por motivos ben diversos. Un blog amosou, hai tempo, como sería o cantante a día de hoxe no caso de non se ter sometido a cirurxía estética e, claro está, de seguir vivo.

Os comentarios que sempre suscitou a obsesión de Michael Jackson por modificar o seu aspecto adoitan relacionarse, maioritariamente, cos excesos cirúrxicos e coa obsesión pola imaxe. Mais, se a min sempre me interesou este personaxe, é porque pon rostro a unha noción evanescente que nos afecta de preto, o autoodio, un rexeitamento tan visceral do que un é, do propio, que procura a autodestrución.

Por iso, malia ser unha figura aparentemente tan allea, cando contemplo calquera dos rostros posibles de Michael Jackson nunca deixo de sentir que nos interpela aos galegos. E, malia compartir, en certo xeito, a crítica, sempre me amolou escoitala: sempre percibín nela un absurdo posicionamento de superioridade, coma se quen a emite se sentise a salvo de tan patético mal (mesmo no caso de persoas que aínda albergan prexuízos racistas que están na raíz do problema e por máis que desen probas manifestas dun autoodio semellante).

Un galego falando, nun castelán artificioso, do mal de Michael Jackson prodúceme unha intensa sensación de desacougo e impotencia. E logo miro os montes inzados de eucaliptos (e a miúdo arrasados polo lume) e regreso á pel do artista americano.

Así que eu, que queren que lles diga ou conte, cando observo eses rostros, os reais e reconstruídos, os que terían sido e os que foron, prefiro ficar calada. E coido que cumpriría non esquecermos de que se hai algo mítico e profundo nel é xustamente porque todos somos Michael Jackson.