«A fractura interna do PP foi unha das causas da derrota»

F. JORQUERA / X.M.PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

Admite que o voto da xente nova non vai ao Partido Popular na mesma proporción ca o da xente maior

05 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O PP de Vilalba non só perdeu a maioría absoluta que sempre tivera senón tamén a condición de partido máis votado. Para Agustín Baamonde, alcalde en funcións e candidato nas eleccións do 26 de maio, a cohesión interna non foi a que fora nin a que debera ser para resistir o ascenso do PSOE. Onte, no programa de RadioVoz Voces de Lugo, recoñeceu que algún día tería que ocorrer esa derrota e que a curva demográfica, con máis mortes ca nacementos, prexudica ao PP. Baamonde prevé comezar o vindeiro mandato como concelleiro na oposición, aínda que tamén deixa aberta a porta a comezar un relevo no que, di, o partido será importante, igual que o é o grupo municipal.

-A xente do PP preguntarase `por que non chegamos á xente nova?.

-Ese é un reto e un elemento de discusión permanente que temos no partido. É certo que na zona rural hai un votante máis conservador, apegado ao sentido da propiedade da terra. No casco urbano, e máis nun casco urbano coma o de Vilalba, que xa ten unha certa entidade, estase producindo un fenómeno evidente, coa incorporación de xente que chega de fóra. É xente que non asenta, porque son funcionarios. É dificil manter ese concepto ideoloóxico.

-Son mérito de Manuel Fraga as maiorías absolutas? O PP xa non tiña nada que facer para acadar as maiorías.

-É unha afirmación que comparto só en parte. Hai arredor de 30 anos, o rural tiña un peso enorme. O casco urbano era unha estrutura de pequeno comercio, de mentalidade conservadora. A chegada de [Manuel] Fraga á Xunta coincidiu con que España se integrara na Comunidade Europea, corrían os fondos Feder (...). É o cambio da antigüidade á modernidade. A xente vía en Fraga un xestor formidable.

-Chama a atención que o PP non só non gañase as eleccións senón que non fose a lista máis votada

-Que a maioría absoluta estaba en equilibrio, estaba no aire, era algo que se percibía. Os datos de hai catro anos poñíannos nesa tesitura. O que non ten explicación é o sorpasso do PSOE: esa subida de 1.200 votos é impensable. Razóns? Estamos analizándoas. Se se comparan as eleccións xerais con estas, o voto de Vox e de Ciudadanos incorpórase ao PSOE (...) En parroquias como Santaballa, Román, Nete..., onde non gañaba senón que quebaba a moita distancia, gañou. Hai outra circunstancia que influiu e que é esa fractura interna que se viviu no Partido Popular. Dáme a impresión de que ese traballo non se chegou a producir.