«Agora, literalmente, vivo no coche»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

Óscar Cela

Afirma que a experiencia parlamentaria enriquece, malia afectar á vida persoal

24 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Olalla Rodil cre que ela e a xente da súa idade son máis presente ca futuro. Iso axuda a explicar que teña dado pasos como formar parte da candidatura do BNG para o Parlamento galego e exercer como deputada en Santiago en representación da provincia de Lugo, con satisfaccións e inconvenientes na vida persoal e cotiá.

-Produce impacto chegar ao Parlamento?

-É un reto moi grande, unha responsabilidade enorme. Somos un equipo; non son eu soa fronte ao mundo, pero si é unha responsabilidade grande.

-É o Parlamento o que vostede imaxinaba ou esperaba antes de chegar?

-Coñecía un pouco o Parlamento porque cubrín un tempo a actividade parlamentaria. Xa fixera seguimento das comisións e coñecía o funcionamento. Pero hai unha parte máis visible, os plenos e os controis ao presidente, e outras que non son visibles pero que levan o seu tempo: preparar as sesións, ter reunións con colectivos... Todo iso supón un volume de traballo moi grande.

-Que gaña e que perde na súa vida estando no Parlamento?

-Poder formar parte do Parlamento é enriquecedor. Es representante dos galegos e das galegas, independentemente de que te votasen ou non. Ten os seus hándicaps, claro. Deixas de ter unha parte da túa vida persoal, non hai horarios; isto é unha dedicación exclusiva.

-Comparando as dúas partes, cal pesa máis?

-A parte enriquecedora, sen dúbida. É un orgullo. Así o percibo, así o sinto, así vou ao Parlamento todos os días. Eu levo militando no BNG dende hai dez anos; valoro formar parte dese proxecto político; tes que perder cousas, pero asimílalo porque o que iso che dá é moito máis.

-Calquera deputado ou deputada desta provincia, sexa cal sexa a comarca onde viva, ten que soportar a penosa comunicación con Santiago. Como leva ese asunto?

-Penosa, si. A min non me gustaba conducir. Tiña o meu vehículo, non o usaba moito... Agora, literalmente, vivo no coche. É unha das cousas que máis se nota: coa tensión que tes, porque é a túa vida e a dos demais a que está en xogo, e non podes meter a gamba... Non podes dicir, por exemplo, que vas coller o tren. Iso queima moito. A min lévame unha hora e cuarto dende que saio polo Ceao.

-Que descubrimentos fixo dunha provincia tan diversa como Lugo sendo deputada?

-A distribución provincial está totalmente afastada da diversidade que ten. Desenvólvense realidades diferentes, con problemas distintos. Na Mariña está o problema de Alcoa, con esa ameaza [de peche] e cunha realidade económica vencellada co mar. O sur da provincia ten unha relación máis directa coa provincia de Ourense. Descubrín iso, unha realidade complexa. Todo o país comparte a emigración xuvenil e o envellecemento demográfico; pero parece que hai dous países dentro deste: a AP-9 partiu o país en dous.

-Sorprendeuna algún lugar da provincia ao que nunca fora e ao que se desprazou como deputada?

-Todo o país é marabilloso, pero lembro a primeira vez que fun a Vilachá (A Pobra do Brollón), coas súas adegas... Pareceume espectacular, pero tamén Os Ancares, O Courel.... Temos un país diverso, espectacular. Vexo un descoñecemento moi grande das cousas que hai en Galicia.

-Vese como unha profesional da política?

-Non. É unha etapa da miña vida dentro dun proxecto colectivo. Non me sinto profesional disto; tento facer o meu traballo o mellor posible e transmitir as propostas do BNG, pero non me sinto profesional; a miña profesión é ser xornalista e comunicar.

Óscar Cela