Seguimos abraiados por Julen, o neno de dous anos que morreu en Almería nun pozo de cen metros de fondo e trinta centímetros de ancho. E o estoupido informativo parece froito da mala conciencia social porque acontezan sucesos así nun país civilizado onde todo está rexido por unha estrita normativa.
Lembro a miña nenez en Vilalba, onde o máis parecido a un recinto de xogos era O Cotarón, monte medianamente domesticado que tanto valía para os residuos das empresas como para improvisar batallas, nas que os máis ousados xogaban a pedradas e os timoratos conformabámonos con botar carreiras ata caer rendidos. Nun similar parque de atraccións, o neno colouse polo que nunca chegará a ser pozo, e púxonos o corazón nun puño a todos os que temos nenos na casa.
O único froito estimable deste tremendo fallo social é a preocupación polas agresións que poidan sufrir os nosos nenos, pero é moi caro o prezo a pagar pola toma de conciencia das cousas que están mal, e que agora nos preocupemos polos pozos existentes na zona de Abella, que poden ser un perigo pequeno, pero perigo ao fin.
Malo é que para poñer pequenos remedios -e isto non é unha crítica local, por un problema mínimo que poida haber en Abella- faga falta unha traxedia. Porque os feitos graves, amplificados polos masivos medios de comunicación, conmóvennos, pero iso non garante que no futuro non volvan pasar desgraciados accidentes evitables, que só provocarán discusións políticas para ver quen é máis culpable do que non tería que haber pasado se se cumprira a Lei; se cada quen fose responsable dos seus comportamentos públicos.