«A docencia tería que ser unha arte escénica»

maría m. guntín / x.m.p. LUGO / LA VOZ

LUGO

Cedida

A escritora ten máis dunha vintena de libros e reflexiona sobre a situación do ecolingüismo e do feminismo

20 ago 2018 . Actualizado a las 14:09 h.

Teresa Moure é unha escritora galega que exerce a docencia nas facultades de Filosofía e Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Cunha gran traxectoria e recoñecemento polos seus escritos, Moure gañou o Premio Lueiro Rey de novela curta no 2004 e o Premio Arzobispo San Clemente por A xeira das árbores, ademais do Ramón Piñeiro de Ensayo en 2004 por Outro idioma é posible. O Xerais de novela, o Premio da Asociación de escritoras e escritoras en lingua galega e o da Crítica de narrativa galega, así como o Rafael Dieste de teatro pola obra Unha primavera para Aldara son outros dos seus máis que merecidos recoñecementos. As súas obras están traducidas a outros idiomas como o español, inglés italiano, rumano, portugués, catalán e neerlandés.

-O ecolingüismo dase a coñecer nos anos 90 e aínda agora permanece como algo descoñecido. Cal é a súa achega?

-O ecolingüismo é unha perspectiva que nace da sociolingüistica nos anos 90 cun artigo que dicía que moitas linguas ían desaparecer poucos anos despois. Pensamos que a maioría dos idiomas do mundo están en boa situación, e iso non se corresponde ca realidade. Estamos a perder as linguas pola industrialización e a globalización, entre outras causas. Algunhas persoas pensan que deben mellorar o seu inglés pero esto é o que fai que non falemos outras linguas. O pensamento de que todo pode ser convertido a un idioma é unha idea primitiva. Ademais, o ecolingüismo non é unha perspectiva habitual no ensino.

-Ata onde chegan as linguas para vostede?

-As linguas condicionan a nosa maneira de pensar e son riquezas que debemos preservar co paso do tempo. O camiño para seguir non é o pensamento único. O problema é que aínda non consideramos a lingua como un patrimonio.

-Como docente, que medios feministas ten ao seu alcance?

-En Santiago hai unha Oficina de Xénero que leva anos animando aos docentes a impartir a súa materia cunha perspectiva de xénero. A linguaxe está moi marcada, e por iso é fácil reproducir esquemas patriarcais. Temos que ter en conta que dende unha perspectiva técnica as linguas son de todo menos neutras.A idea de que algo é correcto ou incorrecto en función do que digan os académicos da Real Academia Española é unha idea pouco técnica.

-En que está traballando agora mesmo?

-Estou de feiras intentando non traballar. Tamén ando seleccionando poemas para un recital colectivo no Courel e escribindo un novo en homenaxe a Uxío Novoneyra. Se non descansamos, tendemos a repetirnos co paso do tempo, por iso é necesario.

-Como elixe os temas que emprega nos seus libros?

-Nunca son algo que eu pense previamente. A escritura é creatividade. Non sabes que é o que che vai chamar a atención ata que pasa. Un día vin unha arañeira nunha esquina da casa e a partir de aí escribín algo que provocou a aparición de Ostrácia, que fala dos bolcheviques. Cando algo me evoca, non podo deixar de pensalo. O proceso de creación apodérase de ti todo o tempo e non ten nada que ver co de investigación.

-Cal é a situación da sociedade galega e da lingua?

-A situación do galego é pesima. Estamos vivindo unha catástrofe casi irreversible e perdendo moitos tesouros que son irrecuperables. Non hai indicios aceptables dunha solución. Cada vez se fala menos galego, especialmente entre a xente nova, e este parécese máis ao español. As estruturas sintácticas propias do galego desaparecen porque non consideramos a lingua coma unha riqueza

-Fáleme da súa faceta como profesora.

-A min as aulas gústanme moito e este é o mellor oficio que existe. Son espacios teatrais e de diversidade artística. Un laboratiorio onde a xente está disposta a afrontar cousas novas, incluídos os profesores. Ano tras ano todo cambia e estou con xente que quere aprender. É un bo lugar para escapar da vida gris e burocrática. A docencia non significa ningunha das palabras que leva asociadas, como, por exemplo, disciplina; e debería estar no catálogo de artes escénicas.

-Como avalía aos seus alumnos e alumnas?

-Non fago exames, algo do que estou en contra. Hai diferentes formas de buscar esa sinerxia co alumnado. Os alumnos fan un blog da materia e así vexo como argumentan e discuten para aprender. Cada curso é diferente.

-A relación co alumnado resiste ao paso do tempo?

-Gardo relación cos meus alumnos despois de rematar o curso, e moitos deles están entre as miñas mellores amizades.

«A linguaxe está moi marcada, e por iso é fácil reproducir esqauemas patriarcais»

«A escritura precisa un tempo de descanso para evitar repeticións co paso do tempo»