Eduardo Fernández Abel: «Cando era neno xa quería ser mestre»

O fútbol e a ensinanza son as dúas paixóns dun lucense namorado da súa familia e da súa cidade

.

lugo / la voz

O ex xogador, adestrador e mestre xubilado, ademais de comentarista radiofónico, responsable político de Deportes na Xunta de Galicia e na Deputación, mestre xubilado, cantante de coros e cofundador da Cohors III Lucensium Eduardo Fernández Abel é unha das persoas máis coñecidas na provincia e tamén máis activa. A súa vida está chea de recordos, e unha das súas virtudes é o sentido do humor como demostra cando di que fai uns meses «veume visitar para quedarse James Párkinson, pero téñoo controlado».

-¿Cando empezou a súa relación co fútbol?

-Tiña 9 anos e formamos o equipo Shanghai Lily no Instituto Masculino no que tiven como compañeiro a Fabri. Falsificáronme a partida de nacemento para que puidera xogar e fomos campións lucenses.

-¿Cal é o seu mellor recordo deportivo?

-A estrea co Lugo de Terceira División, aínda que foi nun amigable diante do Coristanco e despois o adestrador, Manolín, non me incluíu no equipo e xoguei no Lugo Atlético. Despois chegou un momento no que tiven que escoller entre o deporte ou os estudos e decidín estudar.

-¿Como lembra o seu paso como adestrador do Lugo?

-Con moito orgullo. Fíxome moita ilusión adestrar ao equipo da miña cidade o que non logrei chegar como xogador e tamén estar varios anos no corpo técnico con Xulio Díaz.

-¿Como ve agora ao Lugo?

-Coa ledicia duna persoa que sinte as cores albivermellas desde neno. É un pracer contar cun equipo cunha estrutura consolidada no fútbol profesional e que no momento menos agardado pode dar o salto a primeira. O que se pode mellorar é a asistencia ao campo, xa que nunha provincia cunha grandísima afección ao fútbol non van o Anxo Carro todas as persoas que deberían.

-¿Que recordos ten do seu paso polos medios de comunicación?

-Radiovoz y La Voz de Galicia déronme a oportunidade de expoñer as miñas ideas e sempre me respectaron compañeiros como Fernando Hidalgo, Isidoro Valerio ou Xosé Ramón Penoucos, que me axudaron moito.

-¿É certo que non garda bon recordo do paso pola política?

-É verdade. Un amigo persoal pediume que lle votara un cable o BNG no eido deportivo e aceptei o reto de ser dous anos xefe provincial de Deportes na Deputación e outros tantos na Xunta. Ese tempo serviume para darme conta de que o deporte está pelexado ca cultura e ca economía e que se trata do patiño feo en axudas. Está infravalorado e non o entendo.

-¿A súa vocación foi sempre ser mestre?

-Sin ningunha dúbida. Con 14 anos xa daba clases nunha academia da Praza do Campo coas miñas irmáns. Sempre gardarei con moito cariño a miña mestra de párvulos Carmiña Dapena e outros compañeiros como Dolores Rigueiro ou Xesús Costa Rodil. Ser mestre foi a miña ilusión de neno e recordo todos os centros onde impartín clase, especialmente os 15 cursos en Santa María de Lugo.

-¿Sempre destacou o rol da súa familia?

-Foi o apoio da miña vida, tanto os meus pais e a miña avoa, sempre destacarei que fun un privilexiado por criarme en parte a miña avoa, como agora a miña muller e as fillas. Desde que xogaba no atrio da catedral, na Praza do Campo ou nas carballeiras de Montirón a familia sempre estivo na primeira liña na miña vida.

-¿Que foi o que o enganchou no Arde Lucus?

-Sempre defendín que había que coidar os restos romanos e castrexos da nosa cidade y coñecer e defender a súa historia, por iso decidín participar na fundación da Cohors III Lucensium y desfilar con la indumentaria de procónsul. A verdade é que resulta incrible ver agora no que se converteu na festa e a repercusión que ten.

-¿Como afronta a xubilación?

-Con moitas ocupacións, xa que tamén canto no Orfeón Xan Montes, unha agrupación que se volcou comigo e aceptou a miña modesta voz. O menos positivo é que me veu a visitar para quedarse para sempre James Párkinson. Por fortuna téñoo controlado grazas aos desvelos dos equipos médicos do doutor Botana e da doutora Suárez e o respaldo de asociación ASPALU. Como desde o 84 padezo a variedade de diabetes Mellitus tipo 1 xa sei como tourear coa enfermidade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Eduardo Fernández Abel: «Cando era neno xa quería ser mestre»