N os últimos anos, tocoume vivir a distancia varias veces a festa das Letras Galegas, por coincidir coas viaxes que organiza a Asociación lucense de Amigos do Camiño de Santiago, celebrando a festa moi lonxe da nosa terra, pero non por iso de xeito menos entrañable.
O 2016 honramos a Manuel María en terras de Rumanía, celebrando unha sesión na que me correspondeu falar das miñas vivencias co amigo creador literario da enorme comunidade chamada Terra Chá. E este ano, en terras xordanas, honramos a memoria de María Victoria Moreno, que non querendo ser alófona ?Alófonos, para Alonso Montero, son os autores de fóra que escriben en galego- converteu o seu labor a prol do galego nunha fermosa e fonda historia de amor.
Falar de María Victoria, do Día das Letras, do seu impulsor Del Riego, e da querencia do idioma á beira do Mar Morto produciume unha especial sensación por acreditar que este noso idioma supera barreiras físicas ou temporais, e permite sentirse e reforzarse cono membros dunha comunidade singular coma a nosa mesmo en lugares distantes milleiros de quilómetros, con idioma, costumes, clima e xeografía tan diferentes da nosa realidade.
Supoño que foi a primeira vez que as Letras se celebraron en Xordania, e que alí se cantou o Himno Galego. E coido que a todos os participante nos sentou tan ben como se estivésemos no Obradoiro, ou na luguesa Praza do Campo, facéndonos sentir entusiastas conquistadores de novas terras para o Galego das mil primaveras que desexou Cunqueiro e que a todos nos corresponde ir garantindo.