Alvarellos recupera a histórica viaxe de Lorca a Lugo

La Voz

LUGO

OSCAR CELA

Presenta no vello cárcere o seu libro sobre a viaxe de estudos que fixo o autor andaluz a Galicia en 1916

15 mar 2018 . Actualizado a las 14:18 h.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu no auditorio do Vello Cárcere o acto de presentación do libro «El gran viaje de estudios de García Lorca», que, editado e escrito polo lucense Henrique Alvarellos, «ten moito que ver con Galicia e con Lugo», destacou a rexedora, pois relata a través de documentos escritos polo propio Lorca e polo seu compañeiro Luis Mariscal, o primeiro contacto do autor coa cidade lucense e co territorio galego, a súa cultura e as súas xentes.

Méndez agradeceu que Alvarellos elixise a súa cidade para iniciar a xeira de presentacións desta obra e que o fixese no Vello Cárcere, polo seu simbolismo, en tanto que «neste lugar foron encarceradas e asasinas durante a represión franquista moitas persoas simplemente por pensar o que pensaban, como o foi Lorca, fusilado no 36 polo seu pensamento e condición sexual. Estas mesmas paredes que no seu día foron testemuñas de profunda dor e sufrimento, hoxe acollen cultura, liberdade e coñecemento, neste caso acerca dunha figura central da literatura do século XX».

A nova publicación de Alvarellos recolle a viaxe de estudos de 24 días que García Lorca fixo en 1916 por Castela, Galicia e León co seu profesor Martín Domínguez Berrueta e catro alumnos máis (os 5 mellores expedientes académicos do primeiro curso de Teoría da Literatura e das Artes da Universidade de Granada). Nesta excursión de fin de curso, cando tiña 18 anos, Lorca decidiu abandonar a súa prometedora carreira na música e dedicarse á literatura.

OSCAR CELA

O libro contén dous relatos. Por unha parte, o do compañeiro de Lorca, Luis Mariscal, que anota en cada parada datos e reflexións sobre a paisaxe e as súas xentes, un documento nunca publicado de maneira íntegra ata agora. Por outra parte, recolle a visión «directa e íntima» do propio García Lorca sobre a viaxe: cartas, as súas primeiras prosas e fragmentos do seu primeiro libro (Impresiones y Viajes, 1918), entre outros textos. A publicación inclúe ademais fotografías de grupo, imaxes de época dos lugares visitados e manuscritos.