Veño de falar do Manuel en Salamanca e Romanía, co gallo do Día das Letras Galegas. O Manuel, é Manuel María Fernández Teixeiro, que este ano está máis vivo ca nunca pola presenza da súa obra e pola memoria renacida. Parece que é máis entrañable falar dos galegos fora de Galicia, como se esa extraterritorialidade lle conferira á lembranza unha dimensión especial. Especialmente entrañable falar de Manuel María da Terra Chá, cerimonial xusto e necesario para honrar ao poeta que lle conferiu á Terra Chá vida propia e aos chairegos unha nacionalidade especial reafirmada logo por Paco Martín cando fai ?profesor de chairego? a Ramón Lamote, abrindo a nómina dos que practicamos o especial galego dos irmáns de Manuel María.
No Centro Galego de Salamanca e en Romanía para os lucenses membros da Asociación de Amigos do Camiño, falei do Manuel do que nunca se fala: do Manuel relixioso, autor de novenarios a Virxes da Chaira, autor de poemas fervorosos a santos e romaxes, fumador e falador empedernido, entrañable amigo, que contrasta (e os dous son verdade), co Manuel forte voceiro dun tempo e dunha xente, poeta nacional, fervoroso galeguista? que os dous son un, apreciando cada quen a parte que máis lle acae e lle importa.
Para os chairegos sempre será ?Manuel María da Terra Chá?, patriarca poético, autor da nosa particular biblia, abandeirado dunha patria pequena que nos marcou ao nacer con brétemas e lúas. Non é reducir ao Manuel cinguilo á Terra Cha, senón aplicar á súa figura a vara de medir que el aplicou á Chaira? Para saber del, agora e sempre, temos ?ferrados de corazón, fanegas de alma?.