E agora, ¿que?

Xulio Xiz

LUGO

En 2015 ían froitificar moitas cousas. Se primeiro foron brotes dun verde tan clariño que era invisible na práctica, o 2014 considerouse o ano da recuperación, polo que todos quixemos ver no 2015 un tempo de esperanza. E se no primeiro semestre pareceu responder ás expectativas, o segundo encargouse de frear realidades e ilusións. Aínda que unha vez cruzada a delgada liña temporal que separa un ano do outro, algúns xa teñan nostalxia do que rematou, por principio temos que darlle ao 2016 unha marxe de confianza, sabendo que moito do que nos pase dependerá de nós, dos nosos esforzos, e ao desexar un bo ano estamos desexando que sexamos capaces de superar todos os atrancos que se presenten.

Ao arredor, no Concello, vemos unha minoría gobernante, sostida por dúas minorías que son tan oposición como a oposición. Bailando aos sons que tocan os buses, a ORA, as compañías eléctricas e o sursum corda. Na Deputación, tras unha moción de censura, o grupo gobernante está sometido a unha oposición que vai conseguindo pequenas vitorias de goberno só con cruzar as portas que Martínez abre. Na Xunta reina a paz pero desátanse batallas que as nosas costas soportan, como a invasión de Lugo polos tractores tentando conquistar a esmola duns céntimos por litro do leite que sae das súas explotacións. No interino Goberno, a velas vir entre gobernar dependendo de case todos, ou repetir eleccións.

E nós, cun Lugo ateigado de compradores, como nun Sanfroilán de inverno, paponeando diante das luces, dos escaparates, das feiras do Nadal, facendo de Reis Magos, tirando de tarxeta e confiando que se demos saído do 2015, mal será que non aturemos todo o que este nos poida deparar.