A forza da arte popular

Xosé A. Pombo

LUGO

Mellor que definir a arte popular sería admirala. Vaiamos ás igrexas rurais e observaremos con auténtico pracer estético que os retablos están cheos de tallas obxecto de devocións, de imaxes protectoras de medos e enfermidades, de santos milagreiros de biografías de difícil credibilidade e tamén, afortunadamente recuperándose, de pinturas que ilustran predicacións de cregos que ensinaban a doutrina por medio de imaxes.

Vén a reflexión a conto porque se iniciaron os traballos de recuperación das pinturas aparecidas nas paredes da igrexa de Labrada. Observando a forza didáctica de Santiago a cabalo, do bautismo no Xordán, das ánimas no caldeiro de Pedro Botero, do martirio de san Sebastián,... non podemos de deixar de admirar un artista anónimo que hai cincocentos anos se ocupou de representar devocións, amores e medos de xentes devotas. Porque, non o negaremos, aquelas crenzas continúan presentes nos nosos tempos.

A finalidade didáctica das imaxes da parroquial de Labrada hai que vela máis alá de estilos artísticos ou de correntes estéticas. Na simboloxía do representado e nas crenzas dos devotos que alí acoden está o auténtico sentido da arte, sexa popular, culta, elitista ilustrada ou, simplemente, realizada con boa intención.