Xa non se atopan palabras para definir a sensación de impotencia e a rabia. Xa de por si, o rural está pouco valorado, salvo que sexa para pasar unha semana en casa restaurada tomándose algo. Para iso si que está xenial dicir que «tienes/vas a una casa en la aldea». E si, dá gusto vivir na aldea ou pasar uns días nela. É verdade. Que bonito ver os prados verdes, ou os mil marróns e amarelos do outono.
Si, pero, ¿quen traballará esas fincas? ¿Quen conservará o prado para que non sexa toxal? ¿A Xunta? ¿O alcalde de turno? O banco de terras pode fartarse de engadir toxeiras á súa colección, como nos fartamos nós de regalar o leite. Directa ou indirectamente todos dependemos uns dos outros. Non ten que ver ser gandeiro «grande» ou gandeiro «pequeno». Porque eu son pequena, a moita honra, e se outros son grandes (con grandes tractores como se leu por aí) tamén son grandes á conta deles que a min nada me pediron.
Vistas as manifestacións que se foron facendo teño sensacións distintas. Por un lado, pena, moita pena porque isto é unha humillación. Ver persoas de ben que se torturan día a día desprezando unha e outra vez o traballo que fan cada día. Por outro lado, rabia. Rabia aos que nos desprezan, a pouca humildade que hai. Ata o de agora quizais me parecía algo demasiada conformidade: «Aquí pouco se ganará pero,... estamos ben que fame non se pasa». Poda que sexa mostra da inconsciente (ou consciente) gana de quedar no rural, de manternos amarrados ao noso traballo, á nosa forma de vida. Pero isto xa é intolerable. Fame non pasamos, pero poucas grazas. Se por eles fora roíamos nunha pedra. Antes tíñanse menos vacas, si. Pero había uns poucos veterinarios, e pouco máis persoal.
Hoxe,? hoxe é bestial a cantidade de xente que «pulula» por aquí. Sendo todo o máis obxectiva que podo, vexo vendedores e persoal de servizos de todo tipo: o podólogo das vacas, o nutrólogo, o vendedor de produtos de desinfección, os representantes de maquinaria, os dos servizos forestais ou os que «traballan pa`fóra», os de botar o millo, os controladores (se nos fai falta estar máis controlados), que se empresas de pensos nos leva a forraxe e nos volve traer todo preparadiño, que se carros mesturadores a domicilio, o gasóleo (outra vaca no millo), equipos de veterinarios, os do saneamento, e os oficinistas!? : 1001 servizos que pagamos nós, que dependen de nós. Sen contar os comercios porque «fame non pasamos» pero comprar compramos, que os panos de mesa non nacen na leira. Ben, nada. Que van facer o que queiran, como foi sempre. Pero que non digan que non avisamos.
Ruído houbo e seguirá habendo. Eu, mentres, estou esperando a que a «empresa gandeira» na que traballa miña mai faga un ERE e a retiren cunha paga guapa e unha indemnización. Porque daranlle algo, ou? Tranquilos, xa espero sentada.