Non me veñan con contos

Antón Negro TRIBUNA

LUGO

Vivimos nunha sociedade que ten como obxectivo principal que as persoas busquen o propio benestar, ou o maior benestar posible e, logo, hai que defendelo para que ninguén o perturbe. A cultura actual, na que estamos inmersos, é individualista. Continuamente se nos invita a ser independentes e autosuficientes en aras dunha maior liberdade. Vemos como aparecen triunfadores individuais que pensan que non deben nada a ninguén.

Hai unha serie de expresións que definen o que é desexable e funcionan como sentencias do que debe ser o comportamento humano: «Vive e deixa vivir», «cada un na súa casa e Deus na de todos»... Mesmo ten aceptación esta definición da liberdade: «A túa liberdade remata onde empeza a liberdade dos demais». Pero as persoas non somos chamadas á vida para pecharnos en nós, senón para transcendernos e dar solucións ós problemas da sociedade con xustiza e verdade, non para crear problemas ós demais ou pasar dos que existen. Cando creamos problemas ou pasamos deles causamos un mal, somos un estorbo ou unha inutilidade social. Non ten sentido que quen entende a vida desde a autosuficiencia, comodidade e despreocupación sobre o que lles pasa ós veciños reclame apoio e axuda ós seus semellantes.

Por iso é de sentido común o lema «¿Que fas con teu irmán?», que Cáritas propón para o Día de Caridade e Corpus. É unha pregunta que xa aparece no comezo da Biblia (Xen. 4,9) e que responde ás experiencias vitais de toda persoa sensata. Cando nacemos, se os que están ó noso redor non se fixeran esta pregunta, aínda máis, se non respondesen de xeito positivo a ela non sobreviviriamos, seguramente nin sequera naceriamos. De todos é coñecido que nacemos totalmente inválidos, e seguimos sendo inválidos e incapaces de sobrevivir durante meses e mesmo anos.

Non debemos esquecer que na medida en que a familia, os veciños e toda a sociedade responda xenerosamente a esa pregunta -que Deus tamén lle fixo a Caín polo seu irmán Abel- mellor será para todos; é dicir, máis probabilidades terá cada persoa de desenvolver as súas capacidades e posibilidades e, por tanto, de servir e axudar máis e mellor ós que queremos e a toda a sociedade. Se comezamos cada día preguntándonos ¿que é o mellor que hoxe pódeo facer polos pobres e por toda a sociedade? seremos máis felices e faremos un ben a toda a sociedade, especialmente ós máis necesitades.