A vida sempre chama a ollar cara ó futuro, a emprender un camiño que vaia dando sentido a todo o que un fai, e forzas para superar os obstáculos existentes. Por iso, a esperanza é indispensable para poder vivir e construír futuro. Sen esperanza invádennos a desilusión, a tristura e o pesimismo. Introducir esperanza na vida humana e nas relación sociais é sempre unha colaboración positiva ó ben das sociedades. ¡Que importante é a esperanza para a liberación e promoción dos pobos!
Así é de agradecer que Cáritas Española poña na nosa sociedade neste Corpus unha mensaxe importante, «CONSTRUÍNDO ESPAZOS DE ESPERANZA», que é como dicir que hai futuro para as persoas e as sociedades, pero ese futuro non é cuestión de sorte, senón que se fai co traballo cotián na construción da xustiza, no que todos somos necesarios. Tamén é necesario o Espírito do que deu a súa vida por nós, Xesús de Nazaret.
A esperanza xera ilusión e confianza. Esta nace de realidades tan estimulantes coma os máis de 6.000 equipos de Cáritas parroquiais españolas en 70 dioceses. Que sexan equipos é un testemuño de que a solidariedade é posible, é máis, convértese no alicerce sobre o que construír o ben común. Neses equipos traballan gratuitamente máis de 65.000 voluntarios, cousa que non está nada mal.
A maneira de organizarse os equipos de Cáritas parroquiais fai que se cren as redes de apoio e colaboración que configuran a Cáritas Diocesana, a Española e a Internacional, presentes en 198 países. É sabido que o egoísmo persoal ou colectivo non fan ben, por iso se aposta pola solidariedade entre persoas, grupos e países.
O gran reto a traballar entre todos na sociedade, incluída Cáritas, é construír o ben común da humanidade. Temos que humanizar a vida sociopolítica e a económica, é dicir, hai que practicar a xustiza na política e na economía e, por tanto, desterrar toda inxustiza e opresión. Esta tarefa é responsabilidade de todos, no só dos de Cáritas ou dos crentes.
A forza para traballar en humanizar a vida económica e sociopolítica vén da esperanza e medra na medida que se afonde na esperanza. Que a segunda persoa da Santísima Trinidade asumira a condición humana coa súa Encarnación, convértese na fonte máis forte de esperanza.