Unha particular Carapuchiña e unha pasarela de moda homenaxearon a Díaz Castro no colexio da Ponte

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

18 may 2014 . Actualizado a las 15:09 h.

O colexio lucense da Ponte realizou unha particular e orixinal homenaxe ao poeta chairego Xosé María Díaz Castro con motivo das Letras Galegas. Entre as actividades que organizou o equipo de Dinamización da Lingua Galega están unha pasarela de moda e unha versión libre da «Carapuchiña Vermella».

Por unha banda, a Pasarela A Ponte consistiu nun desfile de traxe rexional feminino e masculino para dar a coñecer a súa historia, o nome das pezas e os materiais que se empregan na súa elaboración.

Ademais, para os máis cativos organizaron un teatro de monicreques onde os animaliños ían contando detalles da figura do escritor de Guitiriz e da súa obra. Un pouco máis maiores foron os que participaron na representación de «A Carapuchiña estilo A Ponte», unha obra peculiar porque, entre outras cousas, o lobo é bo e quere coidar da avoa, mentres que Carapuchiña xoga coa Wii e recibe whatsapps da nai.

As familias dos alumnos tamén participaron con actuacións musicais e dando a coñecer os instrumentos musicais galegos. Tamén fixeron ao longo da semana xogos para poñer a proba os coñecementos dos estudantes sobre Díaz Castro.