Sinala que a xestión da Xunta na industria foi un caso «teledirixido desde un lobbie do PP vencellado a Romay»
19 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.O voceiro do BNG e catedrático de Economía Aplicada da USC, Xavier Vence, presentou onte en Lugo o seu libro Crise e fracaso da Europa neoliberal: unha alternativa soberanista e democrática, no que explica o seu modelo alternativo «ao modelo actual dominado polas finanzas». Vence cre que as políticas que impón a Unión Europea afogaron os tecidos produtivos de lugares como Lugo.
-«As subvencións que se deron foron para o abandono da actividade en vez de axudar ao desenvolvemento da capacidade produtiva de Galicia. En Lugo vese claramente como se abandonou a actividade agraria e o monte está sen uso, co efecto negativo no emprego e no risco potencial de lumes. En Galicia non houbo estratexia para acompañar a produción agraria coa industrial e confiouse a distribución a grandes cadeas de fóra.
-¿Pero si houbo inversión pública en Alimentos Lácteos?
-O que houbo foi unha irregularidade e delincuencia. Foi unha decisión política teledirixida desde certo lobbie do PP moi vencellado ao poder de Romay Beccaría, que puxo en marcha unha operación que era visto que ía ser un fracaso. Usáronse fondos públicos e deixaron aos cooperativistas nunha situación moi delicada, porque non cobraron as entregas do leite. É o resultado dunha política caciquil e sen proxecto empresarial a coste das arcas públicas. Un desastre. A planta e as cooperativas merecían outra saída e alternativas, e o PP é o responsable desa desfeita, aquí non se lle pode botar a culpa aos de fóra.
-¿O modelo de cooperativas está danado coa crise?
-Para min son instrumentos necesarios para o mantemento dun sector como o primario, porque afórranse custes nas compras de materiais, na adquisición de maquinarias ou nas negociacións de ventas de produtos. Creo neste modelo, o problema é que desde Bruxelas e desde a Xunta non se acompañou con apoios e se lle sumamos a falta de crédito, a crise estase a levar parte das cooperativas.