«Da desfeita temos que construír un rural con esperanza de vivir»

La Voz

LUGO

01 dic 2013 . Actualizado a las 07:01 h.

Hai tres décadas que a mestra Alicia López Pardo, que é membro da Mesa Galega de Educación no Rural, loitou man a man coas familias e con varios cregos da Montaña lucense para poñer freo á desfeita social que ían supoñer as «escolas-fogar» que propoñía a administración. Ela é unha das alma máter da publicación Que quede quen o conte, que se edita sen unha periodicidade fixa. «Houbo un momento no que pensamos en desistir, en deixar de publicar o panfleto, porque nos está supoñendo un esforzo grande, e non só económico. Resúltanos moi difícil porque reunimos colaboracións de xente espallada polas catro provincias. Uns están en Santiago, outros en Pontevedra, outros en Lugo...», relata.

-Pero pese ao atrancos seguen adiante...

-Moita xente estanos insistindo en que continuemos, e lamentando que unha publicación así se poida perder.

-¿Cal é o espírito do panfleto?

-Somos críticos coas cousas que van mal no rural, e ao mesmo tempo falamos del en positivo. Pensamos no desastre do país, pero cremos que da desfeita temos que empezar a construír un rural con esperanza de vivir. Estamos moi preocupados pola educación do rural, pola despoboamento... Desde a administración están acabando con todo cunha insensatez absoluta.